Que é mellor: falar galego con erros ou non falalo?

O uso do idioma cae en picado, en moitos casos porque a xente di que non sabe falalo correctamente

O uso do galego perde frente ao do castelán. En moitos casos, a xente pon excusas como que non sabe falalo correctamente e que por iso non o utiliza, ou que o miran raro se o fai. Pero os expertos din que o importante é falar galego aínda que sexa mal para aumentar a aprendizaxe e preservar o idioma, e que debería estar máis presente en medios de comunicación, televisión e redes sociais.


Errar para aprender

Aprender unha lingua é basicamente unha cuestión de práctica. Os erros son utilísimos na aprendizaxe: se non falas, non te enganas, pero tampouco melloras. Se practicas, terás erros: esforzarse en superalos é o xeito de aprender. Isto vale para calquera lingua, pero o galego está nunha situación especial, por iso aprendelo pode resultar máis difícil, e equivocarse pode ter unhas connotacións máis amoladas. Sobre el pesan aínda moitos prexuízos, e ademais, o galego estándar (o que habitualmente se considera o correcto) carece da difusión imprescindible para que a xente se familiarice con el de xeito espontáneo. O castelán correcto apréndese por impregnación da televisión e da radio, da prensa... na escola estúdase, amplíase e mellórase. En troques, moitos galegos, sobre todo os máis novos, só teñen un contacto episódico co galego, ás veces unicamente nas aulas. Así que o aprenden —se é que o aprenden— case coma se fose o inglés. Sen unha presenza maior do galego no espazo público (sobre todo no audiovisual), seguirá sendo difícil aprendelo ben.

Algúns castelanfalantes teñen escrúpulos en falalo, porque din que se atrapallan. Eses escrúpulos aliméntanse da reacción dalgúns galegofalantes que os ridiculizan ou lles reprochan que o falan mal. Tanto unha actitude coma a outra son contraproducentes. A primeira, polo xa dito: sen práctica, non se aprende. A segunda, porque se a alguén lle custa falar no meu idioma, pero se esforza en facelo, o normal é que o anime, non que o desalente.

Castelanfalantes: sexades benvidos ao galego! Outra cousa moi distinta se aplica ás persoas que teñen que facer un uso profesional ou público do idioma nos medios de comunicación, no Parlamento, nas aulas... A estas persoas si que se lles debe esixir un manexo non só correcto, senón fluído e, aínda máis, exemplar; igualiño que se lles esixe a médicos, carpinteiros ou informáticos que se desempeñen correctamente e con soltura no exercicio das súas profesións.

É comprensible o desexo de dominar o idioma. Para iso cómpre escoitar con atención a linguaxe viva e fresca dos falantes enxebres (que non sempre son os máis cultos), e enchouparse do baril idioma, rico e frondoso, dos mellores escritores. Pero, para o uso diario, non fai falla ser un Pedrayo, abonda con practicar todos os días: unha parola, leria ou conversa, con erros e todo, vale mil leccións de libro.

Autor Henrique Monteagudo Membro da Real Academia Galega

Falar en galego aínda que miren

A noticia, dende hai uns días, é o galego! Non se fala porque se considera que non ten o mesmo estatus que o castelán? O falante de galego non se atopa seguro á hora de expresarse na súa lingua? Se decide expresarse en galego, o grupo ao que pertence vaise estrañar? 

No artigo que publicou neste xornal a nova académica electa da RAG e escritora María López Sández mencionaba o abraio que causa na xente escoitar falar en galego a un profesor inglés como Craig Patterson. Os motivos seguramente estean en que é un estranxeiro, e isto estraña, pero sobre todo abraia que o faga un profesor de renome, de Oxford. E, por que? A resposta é ben sinxela. Dende hai un tempo, o noso idioma brilla pola súa ausencia nos contextos formais de uso social (actos académicos en castelán na universidade, nos institutos; actos públicos da Administración en castelán; representantes da política, da xudicatura, da igrexa falando en castelán...) e non hai moito que engadir ás voces que levan tempo dando a alerta do que está acontecendo: menos falantes nas xeracións novas e máis retroceso nas cidades. Así nolo amosou o barómetro trimestral de Sondaxe, que nos alarmou, pero que se fixo?

Sobre o estatus, as dúas linguas son oficiais, pero na consideración social valórase a utilidade, a posición na sociedade, e aí son os falantes os que deciden substituír a lingua propia, xa que a súa presenza nos medios de comunicación é mínima, a transmisión xeracional é cada vez menor, e, ademais, quen prima ao que fala en galego?

De todos os xeitos, non estaría mal mirar, por exemplo, o que ven acontecendo co galés, idioma oficial do país de Gales, falado por 857.000 persoas como lingua principal, e sen risco de desaparición a curto prazo, porque, como sostén Ifor AP Glyn, poeta nacional do País de Gales: «O galés utilízase agora xunto ao inglés en todas as esferas da vida, e ten o mesmo estatus». Esperan chegar a un millón de falantes no 2050. E hai que pensar que compite co inglés, pero teñen claro que «unha nación sen idioma é unha nación sen corazón».

Sobre a posible inseguridade á hora de expresarnos en galego, eu faría a seguinte reflexión: é unha cuestión ben propia da idiosincrasia do noso pobo crer que o facemos mal, pensar que é mellor o alleo que o propio. Semella unha ironía pensar que non falamos ben a nosa lingua! De aí, posiblemente, preferir a outra, a que fala todo mundo igual, a que non nos vai situar nun estamento ou noutro, nin vai avergoñar aos nosos se é que a falamos en público.

Contan que unha nai regresaba toda desgustada de ver ás súas fillas, estudantes en Santiago. Leváraas ao Derby a tomar un café con leite con galletas e, ao ver que non probaban as galletas, díxolles: «Comer la ghalleta», ao que as fillas, polo baixo, lle responderon: «Mamá, es galleta». E así, unha e outra vez máis, repetiron a nai e as fillas, ata que aquela, incomodada, erguéndose, díxolles: «Ghalleta, ghalleta y ghalleta! La culpa fue mía por poneros el ghorrito».

Por iso, hoxe é case unha valentía escoller conscientemente falar en público en galego, aínda que nos miren. Porque mirar, miran, e senón, preman o botón de galego nas caixas automáticas dun coñecido supermercado da cidade e sentirán na caluga as miradas dos outros compradores a medida que a voz metálica do caixeiro vai cantando: «Dez euros, sete euros... Recolla o billete. Grazas pola visita».

É necesaria unha educación orgullosa da nosa lingua, xa sexa a lingua falada nas Rías Baixas, na área mindoniense ou no Baixo Miño. O caso é falar! O caso é ler! Xa chegará a corrección gramatical.

Hai que falar, falar e falar, aínda que miren!

Autor Beni Vidal Tomé Xefa do departamento de Lingua Galega e Literatura do IES plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña
Votación
55 votos
Comentarios

Que é mellor: falar galego con erros ou non falalo?