Dez poemas prohibidos en Samil

José Antonio Fandiño AO FÍO

OPINIÓN

11 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi á metade deste verán. Noite calorosa en Samil, nun acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro. Facíanse 60 anos da publicación de Longa noite de pedra, que Celso Emilio escribira mentres exercía a procura en Vigo. Tras recibir no nome do seu pai o galardón como procurador de honra de Vigo, Luis Ferreiro entregoume unha folla escrita a máquina e en castelán. O papel titulábase Fuero Juzgo e dicía así:

Si cada uno de nosotros

vale tanto como vosotros

y todos juntos, nosotros,

valemos más que vosotros,

¿por qué en lugar de nosotros

habéis de ser vosotros

quien nos gobierne a nosotros?

Gardeino na carteira, pois ao día seguinte tiña unha importante reunión en Madrid e pensei eu que Luis me estaba a aportar un relato para a miña intervención. Resultou que o que me entregou era un dos dez poemas prohibidos, completamente descoñecidos e nunca editados dende que Celso Emilio Ferreiro os escribira en Caracas. Consultamos a biógrafos e a estudosos de Celso Emilio; preguntamos na Real Academia Galega; falamos coa Fundación Celso Emilio Ferreiro... Así era! Estabamos diante de dez poemas, de factura reivindicativa, escritos polo mítico literato galego e completamente descoñecidos. Como queira que Celso Emilio foi procurador en Vigo durante 16 anos, puxémonos a indagar coa inestimable axuda do historiador Ramón Nicolás e os xornalistas Xosé Luis Canido e María Bragado. Dez poemas prohibidos, dos que unicamente se garda unha versión en castelán, saen do libro Antipoemas (1970) que Celso Emilio Ferreiro enviou ao seu amigo Manuel María, tamén procurador daquela en Monforte de Lemos.

  

Isto foi o que pasou: Celso Emilio presentou o libro Antipoemas (incluíndo os poemas prohibidos) ao IV Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca. Gañou o certame, mais en 1972, no momento de ser publicada a obra premiada, a editorial El Álamo censurou 10 poemas e eliminounos do libro. Obviamente, o poeta enfadouse e imprimiu en Venezuela un pequeno caderniño que titula expresamente: Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro Antipoemas por causas no imputables a la voluntad del autor. Que é o que chegou ata nós, grazas a aquel papel que gardaba con mimo o seu fillo Luis.

Celso Emilio Ferreiro exerceu de procurador en Vigo de 1950 ata 1966, ano en que marchou a Venezuela, xa que era a única posibilidade que lle quedaba logo de sentir moi próximo o alento da persecución das forzas represivas do réxime franquista, segundo el mesmo relatou nunha carta.

Agora que se fan 60 anos da publicación de Longa noite de pedra e 110 anos do nacemento do poeta, só podemos sentirnos afortunados daquela noite en Samil, na festa das procuradores vigueses, cando Fuero Juzgo chegou ás nosas mans.