Debuxar os impactos

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAIXASES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O proxecto arquitectónico, coas súas liñas e tramas sobre o papel ou a pantalla, modifica o marco existente e, dalgún xeito, fixa as coordenadas dun porvir. É un encontro entre os tempos da vida. Despois, rematada a obra, a comunidade aprópiase e o arquitecto apártase, case se considera un entremetido; algúns empezan a sufrir en canto se introducen as primeiras modificacións.

A arquitectura pode transformar unha cidade, como o que supuxo para Bilbao o fito do Guggenheim, referendado agora no seu 25 aniversario; pode modificar abruptamente a liña do horizonte da City de Londres ou xurdir como a presenza intrusiva da torre Velasca no centro histórico de Milán; ou pode conterse e intervir discretamente, como fai Francis Keré na escola de Gando.

As actuacións construtivas impactan sempre con maior ou menor intensidade, sexa por producir un cambio de escala, pola materia ou a forma. Para acertar, antes de formalizar a idea hai que coñecer ben o espazo, ter en conta o contorno xerográfico e humano, a luz e as sombras, elixir os materiais apropiados e conxugar economía, sociedade, tecnoloxía, o interese do cliente público ou privado… Os factores son múltiples e difíciles de conciliar, pero un proxecto con calidade axuda a acadar o acordo entre todos eles e a facilitar a aproximación entre as posturas políticas.

Non temos que estigmatizar o impacto, cómpre resignificar a palabra. Así, cando conflúen iniciativas públicas e privadas que poden alterar a sutileza do territorio convén evitar que as intervencións vaian por separado, integrándoas mediante unha especie de sección topográfica: desde a crista dun monte onde se elevan os aeroxeradores, as aldeas co contorno tradicional onde aínda predomina a pedra, enlazadas polas pistas e polo medio, cubrindo algunhas vellas parcelas de cultivo, empezan a aparecer superficies de placas fotovoltaicas mesturadas con naves industriais, ata chegar ao val coas vivendas unifamiliares de rechamante colorido e, despois de atravesar a estrada, os tanques de cultivo de peixes sobre o perfil da beiramar.

O proxecto contextualiza e marca o límite da intervención, máis alá dos protocolarios estudos de impacto ambiental. Arquitectura e enxeñería están chamadas a traballar máis unidas ca nunca na implantación das enerxías renovables, as piscifactorías, as infraestruturas, que seguramente poderían reducirse de tamaño, integrándose mellor na paisaxe. O contexto, o pensamento e a dificultade son a base da creatividade. Non hai obra humana que acerte por casualidade.