Cristos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Lola morreu, e o único que pediu para as exequias foi que non houbese nin curas nin cristos. Podería resultar estraño que unha persoa desa idade non planificase un funeral con tres curas e un bus apañando moreas de xente, pero o certo é que esa é tamén a xeración desencantada, a que, na fin dos seus días, acabou por descrer de toda a educación recibida. Hai quen di que, se non se lle paga unha novena, se aparece. E logo están as que, coma Lola, usan a morte para facer a revolución.

Mais non foi fácil cumprir a súa vontade derradeira. A primeira, na fronte: o cadaleito viña cun crucifixo enriba que nin o Corcovado, e a súa filla, quizais co medo á aparición, tivo que lograr que os operarios da funeraria gañasen as horas extra coa suor da súa fronte arrincando a cruz. E dirán vostedes: non hai a opción de que un xudeu camiñe ao Alén sen levar a Xesús Cristo deitado enriba? Non hai ataúdes lisos? A segunda: curas que roldan, por se for preciso, malia as hostilidades, que iso conta moito no Xuízo Final para colocarse á dereita... do Pai. A terceira: uns cantos católicos doídos no acto de despedida, tan dados eles a imporen os seus cánticos a quen non os precisa, incapaces de aprender que hai maneiras de irse que non implican ladaíñas.

Se Lola se aparecese —que debería—, estaría hoxe na Asemblea de Madrid dando unha lección: por moito que declaren os crucifixos Patrimonio para evitar a demolición do Val dos Caídos, o que é verdadeiramente difícil de demoler é esta España que, farta da imposición da moral franquista, xa decidiu eliminar o nacional-catolicismo da vida real. Con tanta democracia e liberdade por todas partes, mal que pese a algúns, para morrer abóndanos con termos a dignidade, que, por sorte, depende de nós e non de Deus.