Camposantos

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

19 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo meses falando coa Morte, tan sabia como amena por anos e vivencias, e, aínda que por seguir a tradición a debuxo como un esqueleto envolto en saba negra e con gadaña ao lombo, é tan natural, carnal e actual como calquera de nós. Eu sabíao por Azorín, que a viu e non a recoñeceu. A Morte rira e dixéralle: «¿Creían ustedes que yo iba a ir vestida de negro, con un gran velo? No, ahora voy como todos». Ás veces filosofamos sobre a brevidade da vida e de como foxe para os vellos: hai dous meses facía eu 79 anos e cabo doutros dous farei 80. Para min os anos son de catro meses. A Morte asente e recita a Quevedo:

¡Cómo de entre mis brazos te resbalas!

¡Oh, cómo te deslizas, edad mía!

Moito lle gusta Quevedo! Sábeo todo e cando di o verso «polvo serás, mas polvo enamorado» enxuga unha bágoa.

Esta semana falamos de cemiterios, que en Galicia chamamos camposantos. A ela encántalle este nome, como a Rubén Darío e ao marqués de Bradomín, que vía na palabra camposanto unha cúpula dourada. Hai camposantos para todos os gustos. A Espronceda gustáballe «de muertos bien relleno, manando sangre y cieno que impida respirar»; a Rosalía parecíalle encantador o de Adina, con oliveiras negras e lousas brancas; os necroturistas —que son máis cada día— prefiren o de Veracruz, en México, de cores vivísimas, onde os parentes dos mortos van merendar; e o de Sapantza, en Rumanía, a poucos quilómetros da fronteira con Ucraína, tamén de cores ledas e epitafios divertidos. Á Morte prácenlle os camposantos galegos de Goiriz e Rioaveso, con pináculos neogóticos; e o de San Amaro, na Coruña, deitado cara ao mar, onde Curros Enríquez e Murguía, enlevitados, pasean cada noite entre cruces e lápidas falando galego.

A Morte pensa coma min que a confusión das linguas na Torre de Babel foi unha bendición e ela, que as fala todas, sente a desaparición das máis humildes igual que as dos grandes imperios. Entre os idiomas en perigo de desaparición a medio prazo está o galego, e se somos moitos os que tentamos darlle vida, a poder ser indefinidamente, tamén hai quen se mostra indiferente e ata hostil ás iniciativas vivificadoras, que perciben como manipulación e perversión da historia a prol de intereses persoais. Con algúns teño relación cordial desde hai moitos anos e non a vai alterar a diferenza de criterio. Xamais pensaría impoñerlles o meu, pero voulles pedir que cando me falen ou escriban non o fagan en galego. Sei que é unha mostra de simpatía, mesmo de afecto; pero prefiro que usen o español para que a cortesía non semelle hipocrisía. Peito aberto e máscaras fóra.