Douche a palabra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

miguel angel molina | EFE

16 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un libro marabilloso que se titula Douche a miña palabra. É un libro especial, diferente. Coma un cofre, no que Fran Alonso compón, para o público máis novo, un ensaio sobre a importancia da palabra, e o agasallo que é dar a palabra aos demais.

A palabra era, tempos atrás, unha garantía incuestionable. Mais iso hai ben tempo que acabou. Non sempre podemos fiarnos da palabra dos outros e así facémoslle perder o valor. Todo isto fai agromar a desconfianza, o que non é nada bo.

Si, estes días estamos enfadadísimos co asunto da sedición. Sedición si, sedición non. E veña voltas con que os delitos non desaparecen. Coma se as hemerotecas non existisen e puideran xogar sen máis coa memoria da xente.

Todo unha trampa. Unha demagoxia continua.

O problema máis grande co que nos atopamos non é que esteamos enfadados co presidente de agora, Pedro Sánchez, por deturpar unhas e outras declaracións ao antollo das necesidades máis inmediatas (isto de necesidades daría pé a outro debate). O realmente preocupante é que isto non é ningunha novidade, senón unha actitude habitual, nel e noutros.

Non é a primeira vez que nos menten. Dá igual que falemos de pactos, de traxedias ecolóxicas, de inclemencias climáticas, de guerras, de terrorismo, de brotes verdes, de economía... Poden elixir o tema que prefiran, e a cor política que máis lles apeteza. O resultado é o mesmo.

Imos volvernos xordos. Oímos sen escoitar, porque total, para o que vai servir...

Nin sequera os máis pequenos van crer na nosa palabra. Pinta un futuro ben escuro.