Queipo de Llano, por fin

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Joaquin Corchero | EUROPAPRESS

04 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Amenceu novembro coa boa nova de que o corpo de Queipo de Llano, aquel tenente xeneral golpista que descansaba na basílica sevillana da Macarena, era por fin sacado de alí para que a súa familia faga con el o que lle pete. A diferenza de moitas das vítimas do franquismo, que aínda están (que non descansan) nas cunetas e nas foxas comúns, el gozou de honras nun templo que millóns de persoas consideran sagradas. Grazas á Lei de Memoria Democrática, que é unha boa lei porque dá esperanza e reparación a millóns de vítimas, ten que saír de alí. Faino coa súa dona e o auditor militar Francisco Bohórquez. Os seus restos van coa familia. Insisto: milleiros de familias españolas levan 80 anos vendo como o Estado español non busca aos seus familiares tirados en calquera lugar como se fosen estrullo, algo repugnante.

Fronte dos que argumentan (é un dicir) que este tipo de cousas reabre feridas e divide aos españois (hai que ter imaxinación, de verdade que si), convén que sexamos rigorosos e expliquemos quen foi Queipo de Llano, ademais dun fascista. Esta persoa, entusiasta rebelde contra da República democrática que os españois se deran a si mesmos no libre exercicio da súa vontade democrática, estableceu, dende os micrófonos de Radio Sevilla, un altofalante dedicado a sementar o odio e a violencia. Fixo máis de 600 alocucións dende aqueles micrófonos, xa non só alentando ás súas tropas, senón animando á violación de mulleres. Por suposto, moi fascistamente, engadía que tiña que ser «para que sepan lo que es un hombre de verdad». Copio literalmente un dos seus discursos de odio: «Nuestros valientes legionarios y regulares han enseñado a los cobardes rojos lo que significa ser hombre. Y, de paso, también a las mujeres. Después de todo, estas comunistas y anarquistas se lo merecen, ¿no han estado jugando al amor libre? Ahora por lo menos sabrán lo que son hombres de verdad y no milicianos maricas. No se van a librar por mucho que forcejeen y pataleen». A cita ten 80 anos, pero sería asinada sen dúbida por máis dun nostálxico.

Cando na mañanciña do 2 de novembro se sacaban os seus restos, familiares alí presentes rompían a noite con aplausos. Habería que preguntarse que había que aplaudir. Un pode ser familiar de Hitler mais non por iso un ten que ser un admirador. Sería moito mellor que os familiares, que teñen todo o dereito do mundo a ter os seus restos, os collesen discretamente e asumisen que teñen un antepasado vergoñento que hai que agochar. Porque animar á violación e á morte non pode ser algo do que estar orgullosos.

Que o leven para a súa casa. E que busquen aos que aínda maldormen nas cunetas.