Mercar o éxito

OPINIÓN

David Zorrakino | EUROPAPRESS

19 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que culpa pode ter un escritor coma min, que escribe en galego, para ter que dar explicacións case todos os anos sobre un premio que esta fóra do sistema literario ao que pertence e que, dalgún xeito, convoca tantas envexas e curiosidades? En canto conceden o Planeta, que leva aparellada esa cifra millonaria, un meu veciño volve preguntarme se da literatura se pode vivir. É unha cuestión reincidente nesta tendencia a admirar máis o éxito que a obra. E entendo que para unha persoa que se derrea co traballo físico, mesmo lle pode parecer obsceno que alguén que se dedica ao conto poida vivir del e apañar un millón de euros. Por suposto, sen querer ser maleducado nin mentirán co meu veciño, adoito darlle unha resposta que deixa fóra o sentido pecuniario e espétolle que a literatura si me axuda a vivir. E case sempre quedo coas ganas de engadir que tamén me axuda a algo moito máis importante como é a soñar, pero seguro que iso o interpretaría mal ou o vería tan relambido como se lle digo que o maior problema do artista pode ser o éxito. Entenderíao coma un escudo contra o fracaso ou que teño envexa da gañadora. Tampouco me crería se lle xuro polo máis sagrado que, aínda que me ofrecesen ese premio, eu nunca o aceptaría, non só polos cartos senón porque está escrito nunha lingua que non é a miña. Con todo, non me queixaría diante del porque non gusto de quen se inmola publicamente; un ten dereito a se queixar como humano, non como autor. O que si compartiría co meu veciño son as palabras emprestadas dun Lobo Antunes que asegura que non alcanzar o que máis queremos é, no mellor dos casos, o noso amargo triunfo. E non, non hai nada de envexa en min, porque unha maldición maior a de non ser lido é a de ser comprado.