Un libro para explicar o mundo

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

El historiador Xosé Núñez Seixas, autor del libro «Volver a Stalingrado»
El historiador Xosé Núñez Seixas, autor del libro «Volver a Stalingrado» FOTO: IRENE NÚÑEZ FESEFELDT

16 oct 2022 . Actualizado a las 11:04 h.

Todos os libros explican o mundo dunha ou doutra maneira. Os moitos mundos posibles. Pero hai algúns que, por oportunidade ou polas circunstancias, teñen unha significación especial. Non é esta unha sección onde acostumemos facer crítica literaria, mais a ocasión ben o merece. Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966) vén de publicar un libro certamente importante, oportuno e clarificador, ameno de ler e extraordinariamente útil, moi ben documentado, sobre o que significou (e significa) a fronte do leste da Segunda Guerra Mundial, o que a historiografía rusa denomina a Grande Guerra Patriótica, a campaña feroz que a Alemaña nazi desenvolveu contra a Unión Soviética a partir de 1941, e a non menos feroz contracampaña da URSS contra Alemaña ata a batalla de Berlín en 1945. 

Núñez Seixas pertence á segunda brillante xeración de investigadores que renovan os estudos de historia contemporánea en Galicia, continuadores dos profesores Barreiro Fernández, Justo Beramendi e Villares Paz, aínda que, no caso de quen nos ocupa, a súa deriva foino especializando, primeiro na emigración e nos nacionalismos e, máis recentemente, nos grandes conflitos que explican a realidade europea do noso tempo: nesta ocasión, o mundo extraordinariamente complexo da Europa do Leste, o que significa abordar o actual conflito da Ucraína e as relacións de Rusia coas súas antigas repúblicas satélites.

Nada empezou de cero. O documentado libro de Núñez Seixas propón unha viaxe pola nosa historia contemporánea tomando como eixo de referencia a batalla de Stalingrado (agosto de 1942-febreiro de 1943): 163 días de durísimo asedio, combatendo casa por casa, parede contra parede, nunha das máis cruentas carnicerías que recordan os tempos, mais que significou, coa derrota do Exército alemán, unha inflexión radical no transcurso da guerra, anuncio da vitoria posterior dos aliados e a entrada do Exército vermello en Berlín. Xunto co cerco de Leningrado, que durou 2 anos, 4 meses e 19 días, dende setembro de 1941 a xaneiro de 1944, Stalingrado foi o gran símbolo da resistencia heroica do pobo ruso contra o invasor alemán. Mesmo na resistencia española no exilio a súa significación foi moi grande. Mais o interesante do libro é a viaxe que nos propón polo contexto histórico e, sobre todo, a análise de como as distintas sociedades afectadas foron construíndo o relato dos acontecementos, a memoria colectiva, que vai mudando coas xeracións (ou non tanto), mais que explica moitos dos acontecementos que agora estamos a vivir. Finlandia, as repúblicas bálticas, Polonia, Bielorrusia, Moldavia, Ucraína están presentes, incluída a visión imperial rusa que nalgúns momentos case que podemos identificar coa mítica, case que relixiosa Gran Rusia dos tsares. Volver a Stalingrado (Galaxia Gutenberg): un libro para explicar o mundo. Xa non o que virá, senón o que temos diante.