Non son amigos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

10 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non son os vosos amigos. Crédeme. Se vos chaman putas, non son amigos. Se as mellores promesas que vos poden facer é asegurarvos que ides follar, non son os vosos amigos.

Se vos chaman coellas e vos incitan a saír do tobo, non están animándovos a ser libres, estanvos ameazando. Eles son os lobos, vós as coellas. Mantéñense ao axexo. Non é unha situación entre iguais, hai quen conta con vantaxe. Que pasa entón? Pois que é difícil detectar os defectos naqueles a quen queremos e, aínda dando con eles, a reacción natural é a de desculpalos. Porque lles temos aprecio.

Engadámoslle que a sociedade normaliza certas actitudes, por moito que sexan ofensas, vexacións ou abusos.

É tremendamente complicado saír da roda, sempre en movemento.

Imaxinade, por un casual, que o problema se viste de canción, coreografía e incluso escenografía. Que se fai á noite e se lle engaden luces de cores, risas e factor sorpresa. Segue a ser un insulto, pero xa case é imposible de localizar, agochado entre as sombras e no medio dunha festa. Coma os peores terrores. Pero insisto, non son os vosos amigos. Están tratando de disfrazar unha humillación con traxe de gala. E iso é moi perigoso.

Se unha de vós sufrise unha agresión, estarían tan dispostos a defendervos en grupo? A saír ás ventás dos seus cuartos e berrar ao unísono “estamos contigo”, por poñer un exemplo? Ou calarían, amparados no corporativismo masculino? Serían os vosos amigos? Non. Por moito cariño que lles tiverades, nin farían nin permitirían isto.