Segrediños

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

02 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha sutil diferenza entre o que é privado e o que é secreto. A privacidade ten que ver co íntimo, aquilo que non afecta aos demais e que implica cuestións estritamente individuais. Pola súa banda, un segredo é, simplemente, aquilo que non queremos que ninguén saiba. A saber por que estraño motivo se confunden tan facilmente cousas tan diferentes, pero o certo é que hai unha tendencia a esa confusión, que prolifera especialmente entre políticos tan celosos da súa privacidade coma dados ao opaco secretismo. Poñamos un exemplo práctico: Núñez Feijoo cualificou como «privada» a reunión que mantivo hai uns días co ultradereitista Abascal. Erro: a non ser que Feijoo e Abascal teñan unha relación sentimental que descoñezamos e da que nos aledaríamos (incluso moito), nada do que, en democracia, fagan dous líderes políticos no exercicio das súas funcións partidarias é privado. Seguramente por iso, os xornalistas que deron a coñecer o encontro seis días despois de acontecer cualificárono como «reunión secreta», movidos pola sensación de que había tanta vontade de que non se soubese que aquilo parecía (volvemos ao amor) un encontro entre amantes. Erro tamén: como lles indicou Feijoo, nunha tentativa de chiste cuxa suposta graza merecería outro artigo, se esa cita fose un segredo a prensa xamais o sabería.

E daquela, por que será que o común do público soubemos do encontro coma se nos fose desvelado un enigma só privadamente coñecido por dous solitarios amantes e agochado baixo sete chaves ata que un par de desleixados tiraron do veo que os tapaba? Sendo que, segundo o líder do PP, o encontro co seu homólogo neofascista non era nin privado nin secreto... que sería? Unha vergoña, quizais? Pero, a vergoña existe, ou é tan privada coma os segredos?