Sacrificios tácticos

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

25 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xogadores de xadrez temos ben identificados durante a loita no taboleiro os conceptos de estratexia (no que se avalía a posición global para planificar a vitoria final na partida) e táctica (os movementos concretos a facer para acadar obxectivos parciais). Agora estanse poñendo de moda eses conceptos no taboleiro da vida real. Así, se no xadrez hai tácticas que implican o sacrificio de pezas, algúns están pensando en usar armas nucleares tácticas, sacrificando persoas.

Lamentablemente, isto non é algo novo. No ano 2003, no congreso da sociedade americana de física en Austin (Texas), quedei pampo ao asistir a unha sesión na que uns investigadores estimaban as consecuencias do uso destas armas nucleares tácticas en Oriente Medio, para lanzar unha mensaxe de alerta, porque seica algúns falcóns do Pentágono contemplaban esa posibilidade. O problema sempre é o mesmo: dirixentes que só ven nos pobos unha masa amorfa, sen se decataren dos infinitos matices de cada vida individual.

A poboación mundial anda cerca dos 8.000 millóns de persoas. Se nos colocasen todos xuntos nunha especie de taboleiro cadrado, separados un do outro por un metro de distancia, caberiamos todos nun cadrado de só 90 quilómetros de lado (a distancia de Vigo a Santiago). 90.000 metros de lado, 90.000 persoas en fila separadas un metro en cada un deses lados e, por dentro, xente colocada facendo cuadrículas dun metro. Dende un avión, algún dirixente vería tan só unha marcial e bonita formación de formigas. Vai ser iso.