Mochilas antibalas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Marta Fernández Jara | EUROPAPRESS

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A volta ao cole contaba con sensacións, olores e colores propios. Os nervios de descoñecer a aula, o docente, os compañeiros... mesturábanse coa emoción de mercar o novo material escolar. Encantábame perderme na libraría-papelería, naquel universo de libros, forros, cadernos, gomas, lapis, carpetas... Os lapis amarelos e negros, as gomas brancas de nada ou verdes, as carpetas de cartón azul escuro e gomas redondiñas. Os cadernos xa eran un mundo, podiamos elixir. Os bolígrafos Bic. Os máis afortunados tiñan dos que levaban unha goma gris na tapa, para poder corrixir os erros. Máis ca goma, aquilo era unha pedra pómez, porque o que facía era rascar o papel. Precisábase bastante pericia para non furar a folla. Hoxe ata os bolígrafos borrables son distintos, de xel, con posibilidade de recambios.

 

O ano que tocaba renovar mochila... iso xa era unha festa. Había que sopesar tamaño, número de petos, color, estampado...

Moito cambiou todo desde esa miña infancia. Agora a listaxe do material é moi específica: lapis grosos para os máis pequenos, rotuladores de dobre punta, bolígrafos que se poidan borrar. Polo de agora, aquí non chegou a petición das mochilas antibalas, pero xa é tendencia nos Estados Unidos na preparación do novo curso. Algunha nai xa fixo probas co seu pequeno, simulando un tiroteo, por se na escola se daba o caso. Que mágoa que o novo curso se converta niso, nunha aprendizaxe de defensa, de protección da vida ante posibles desalmados. Arrasan con toda a maxia.