Reentrada

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Ángel Manso

05 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Volver á escola estreando lei educativa canda a mochila é o peor que lle pode pasar a calquera que, á natural síndrome posvacacional, sumará a desilusión. Os medios de comunicación falan da apocalipse, mais o problema é outro: a expectativa que cada lei nos amosa, a ilusión coa que collemos esas pequenas molestias como non ter os libros de texto, a crenza na solución máxica aos desencontros con aquel anticuado profesor... Pensamos, en fin, que unha nova norma resolverá en setembro os problemas que eran irresolúbeis en xuño. 

Xa podemos ter unha lei de educación que queiran copiar en Finlandia, que non funcionará mentres non se baixen as ratios e mentres non haxa un investimento real en formación continua do profesorado. As mellores intencións non son aplicábeis con grupos numerosos nos que é imposíbel atender a cada alumno ou alumna que leva na mochila un mundo de emocións, intencións, incertezas e carencias.

E por moito que cada docente teña a obriga de coñecer a lei que rexe a súa función, as maneiras educativas arraigadas e automatizadas en cadaquén non mudarán da noite para a mañá por arte de birlebirloque dunha lei que, por ben escrita que estea, só entrará no día a día das aulas co tempo que xamais se lle concede á Educación neste país. Ou cunha verdadeira vontade de facer que se interioricen as mudanzas necesarias para que o día a día dun mestre saia da comodidade, da desmotivación e do descrédito co papel mollado da burocracia.

Estamos diante dunha das leis educativas máis audaces da democracia. E porén, estou certa de que terei que facer eu o traballo para que as miñas fillas queiran saber e coñecer o mundo, en lugar de ir á escola a aprender a superar as distintas avaliacións dun sistema noxentamente competitivo e clasista.