Gorbachov: un pasado relegado

Emilio Grandío Seoane PROFESOR TITULAR DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA NA USC

OPINIÓN

María Pedreda

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai persoas que a historia pasa por riba delas. Que semella que o tempo as borrou. As mortes son o derradeiro alegato da súa obra, a última defensa das súas accións, antes de que chegue a quenda da historia. O seu recordo, a memoria deles, sérvenos para facer un exercicio de autocrítica.

Na metade dos oitenta do pasado século, a Unión Soviética era unha pesada maquinaria de discurso rutinario que tiña como icona principal o liderado dun gris Leónidas Breznev (1966-1982), sucedido nunha continuista vellez cos Andropov (82-84) e Chernienko (84-85). Seica a Unión Soviética non, pero o mundo continuaba a xirar.

As fendas do sistema soviético atopábanse precisamente na incapacidade de cambiar de marcha e competir no novo mundo globalizado. Pero tamén había unha crise de recoñecemento naquel recordo do vello poder mundial. Aquela era unha fachada que combinaba a ausencia de autocrítica co rito idealizado das conquistas da Revolución de outubro: como fondo de escenario, a bandeira do mito; como banda sonora, o seu precioso himno nacional.

Tras a elección do novo secretario xeral do Comité Central do PCUS, o 11 de marzo de 1985, comezamos a recoñecer verbas como perestroika ou glasnost, que agachaban propostas de reconstrución e transparencia. O mundo occidental acolleuno de bo grao. Numerosas viaxes, reunións de alto nivel e tratados na procura do remate da permanente tensión nuclear da Guerra Fría caracterizaron o seu Goberno. Mesmo se lle dispuxo un cariñoso apelativo: Gorby. Sen este liderado de Gorbachov na busca dos acordos, do diálogo por riba da forza na política exterior soviética, sería impensable recoñecer o mundo que tivemos nestes últimos corenta anos.

A súa auténtica proba de fogo foi o desastre nuclear de Chernóbil en abril de 1986, produto dun xeito de operar tan ríxido como absurdo, que a serie de HBO do mesmo nome retrata de xeito ben fiel e cru. Pero houbo outras como as imaxes da aterraxe da avioneta pilotada polo alemán occidental Mathias Rust na outrora inexpugnable Praza Roxa de Moscova en maio de 1987. A aplicación da nova glasnost fixo saltar polos aires a percepción protexida da imaxe da URSS.

Mes tras mes, e ano tras ano, as propostas reformistas de Gorbachov levaban un rumbo: a liberdade de Andrei Sajarov, a entrada no Goberno de persoas externas ao PCUS, a retirada de Afganistán, as conversas polo desarme e non proliferación de armas nucleares… Chegou a un punto que Gorbachov e Ronald Reagan semellaban unha parella de feito.

E chegou a caída do Muro, en novembro de 1989. Son eses sucesos que cambian de xeito radical o mundo que coñecemos. A percepción de derrota por parte do mundo socialista foi total. A situación interna da Unión Soviética estoupou. A ruptura das antigas Repúblicas Soviéticas no camiño pola súa independencia era un feito anunciado. Creouse un liderado alternativo a Gorbachov na persoa do primeiro secretario do partido en Moscú, Boris Yeltsin. A bóla de neve foi medrando ata que se levou adiante o golpe de Estado contra Gorbachov en agosto de 1991, mesmo reténdoo na súa dacha en Crimea entre o 19 e o 21 dese mes. No seu posto colocouse a Yeltsin, quen en pouco tempo cedeu a esas presións disolvendo a URSS. A deriva de crise e de incertidume nos seguintes anos provocou a entrada dun liberalismo salvaxe, sen regras e con escasa capacidade de control institucional, que cimentou aínda máis os pasos da globalización económica do, ata daquela, mundo occidental.

Mais a figura de Gorbachov seguiu a ser un referente internacional do diálogo e da paz durante décadas. Poucos foron protagonistas como el en marcar o destino deste planeta. E, curiosamente, semella que o seu último adeus non se corresponderá coa importancia da súa pegada.

Resoa con notable forza o contraste da nosa realidade actual co seu legado. Un contexto prebélico de magnitude inaudita asoma polo horizonte. Coñecer que o destino nunca está escrito é a mellor das ensinanzas para garantir o noso futuro. O pasado non é algo alleo: fomos… e somos nós.