
Chámanme a atención as novas sinxelas. Será que fuxo estes días das novas en portada, coma se así lograse afastarme da realidade, coma se crease un muro protector. As desgrazas e traxedias acaban por atoparnos.
O caso é que me deu na vista a nova dunha obra dun edificio que levaba paralizada corenta anos e vai conseguir, por fin, reanudarse. Manter a estrutura permite un aforro económico considerable, ademais de aproveitar o soar. Eu penso, tamén, no feísmo que aforraremos. Oxalá máis accións coma esta, que vaian alixeirando esqueletos de casas que non serán, coma pantasmas que nos asustan ao saírmonos aos paso, no medio dun camiño.
En Galicia, que tanto somos de aforrar e poñer un metálico en lugar dunha cancela, ou unha bañeira picada e oxidada para darlle de beber ás vacas... estabamos tardando en ofrecer unha segunda vida a estruturas arquitectónicas. En especial nestes tempos, nos que está de moda reformar pisos antigos, moito máis amplos que os de nova creación, nos que os cuartos parecen estar milimetrados. Se mercas unha chaqueta de máis, xa non cabe no armario, e non hai sitio para unha cómoda.
Iso si, xa que vivimos na modernidade, fagámolo con xeito. Sería marabilloso tapar o bloque e o ladrillo á vista con materiais nobres... Se é moito pedir usar madeira ou pedra, un recebo con man de pintura ás veces apaña ben o choio.
Deixando a retranca e quedando co cerne da cuestión, non sería ningún disparate ir botándolle man ao feísmo. Galicia é ben bonita se queremos.