Submisión química

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Doménech Castelló | EFE

20 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera tipo de asoballamento é ruín. Cando se inclúe a compoñente de abuso sexual, xa me parece unha auténtica depravación. Pero o da submisión mediante picadas para inxectar substancias químicas... xa non sei nin como definilo. Preocúpame a deriva que estamos tomando. De seguir así, a onde imos chegar?

Non tiñamos dabondo con andar pendentes de se nos tocaban o cu, un peito ou o que fose no medio dunha multitude. Asistir a unha manifestación, usar o transporte público ou saír bailar a un pub eran accións que requirían desenvolverse en certo estado de alerta.

Camiñar soas á casa convertíase nunha auténtica odisea. Había quen levaba algún tipo de spray no bolso e outras colocaban a presada de chaves da casa entre as falanxes dos dedos por se había que defenderse. Volviámonos ourizos con pugas de metal.  De aquí pasamos a levar tapadas as bebidas no vaso. Sobre a palma da man só sobresaía a palliña entre o furabolos e o corazón. Así era máis complicado que puidesen introducir algunha substancia. Déranse casos nos que contaminaron a bebida con algunha substancia para deixar a propietaria da mesma fóra de combate, coas facultades anuladas e indefensa.

Agora tamén activamos a alerta das picadas. Se notamos algo, debemos ser rápidas, avisar a alguén de confianza que non nos deixe soas e chamar con urxencia a un centro médico. Imos ter prioridade de atención sanitaria. E iso, como xa saben, non é un bo sinal.  Que será o próximo? Non o dubiden, haberá máis. A perversidade non ten límite.