A espada de Bolívar

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

20 ago 2022 . Actualizado a las 11:38 h.

Que ben quedarían Pablo Iglesias, Juan Carlos Monedero e Pablo Echenique cantando a berros o Canto a la espada da zarzuela El huésped del Sevillano, en desagravio a Simón Bolívar despois de que Felipe VI ficara sentado cando a espada do Libertador apareceu solemnemente na toma de posesión do presidente colombiano Gustavo Petro: «¡Fiel espada triunfadora, que ahora brillas en mi mano, y otros hombres y otras lides ya la gloria conoció!». Precioso. Non sei como non se lles ocorreu.

Ollar a historia polo ollo dunha agulla ten estas cousas. Da dereita española saen voces iradas que chaman «traidor» a Bolívar e «terrorista» a Petro; e da esquerda outras que loan a Bolívar porque, despois da mitificación do heroe, tamén se identifica con gobernos de esquerda radical, autodenominados «bolivarianos». O certo é que Simón Bolívar de esquerdista non tivo nada e de demócrata pouco. Predicar, predicaba como un liberal, e en 1818 afirmaba que nada é tan perigoso como un cidadán instalado moito tempo no poder; e concluía: «Huid del país donde uno solo ejerce todos los poderes: es un país de esclavos». Sete anos despois, un congreso constituínte en Perú converteuno en ditador e xa con plenos poderes anulou dous decretos de José San Martín: a emancipación dos escravos e a retirada dun tributo á poboación indíxena.

Carlos Marx aborrecíao e cando a New American Cyclopaedia lle pediu un artigo sobre o Libertador deu unha visión tan negativa que non puido publicarse. A Engels recoñeceulle que se lle fora a man nos descualificativos, pero díxolle que tamén se excedían os que presentaban como un novo Napoleón a quen fora «o canalla máis covarde, brutal e miserable».