Anglicismos

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Oscar Vázquez

12 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao meu amigo Carlos, un lingüista de Madrid asentado en Massachusetts, gústalle sacar fotos de carteis nos que se «cometen» curiosas traducións de inglés a español. Ás veces por ser literais resultan graciosas, e outras veces, pola fascinante vida propia que ten o spanglish, as traducións son máis unha interpretación do texto que unha tradución en si.

Durante un tempo, cando vía algunha que me sorprendía tentaba sacarlle unha foto para compartila con Carlos, e sen decatarme funme afeccionando a ese costume... Pero estes días pensei en comezar a facer o mesmo aquí en Galicia, pois o uso dos anglicismos innecesarios está xa tan presente que unha pregúntase cando comezou a espiral do low cost ou o barber shop. Eu mesma, que sen darme de conta practico spanglish e castrapo acotío, asómbrome do rápido que aceptamos todas esas palabras e expresións que realmente non nos fan falta, e do pouco que facemos para non deixarnos levar pola moda de traducir o que xa temos. Por exemplo, esta semana, nun autobús interurbano de Ourense, lin algo así coma «levámoste by the face», e quedei matinando un intre na expresión «by the face» que literalmente significa «pola cara», e no feito de que nunca a utilizara nesoutra vida que habito en inglés... Entón comecei a cuestionar se é que nunca a aprendera: «dezaoito anos alí e non sabía que se dicía by the face!», pensei... Tanto dubidei que tiven que preguntarlle a unha amiga bilingüe americana se coñecía esa expresión, e claro que non, porque resulta que «by the face» é o noso modo de dicir «pola cara» de xeito moderno (ou debería dicir «cool»?) E eu, sen querer, sinto que cada día falo peor as linguas que nunca falei ben.