Interaccións das candorcas

Alfredo López BIÓLOGO DA COORDINADORA PARA O ESTUDO DOS MAMÍFEROS MARIÑOS (CEMMA)

OPINIÓN

María Pedreda

11 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As candorcas, Orcinus orca, son cetáceos emparentados cos golfiños que miden entre cinco e seis metros de lonxitude, e que viven en mandas familiares. As candorcas ibéricas son unha subpoboación das candorcas atlánticas, que consta de aproximadamente uns 50 individuos que teñen o nivel de protección cualificado de vulnerable na lexislación vixente. Viven entre augas do estreito de Xibraltar, que frecuentan entre a primavera e o verán, e despois desprázanse pola costa atlántica portuguesa ata Galicia, onde se dispersan no océano para volver de novo na tempada seguinte ao Estreito. Son superpredadores moi especializados, polo que as candorcas ibéricas aliméntanse case en exclusiva de atún.

Dado que o seu alimento, o atún vermello, é tamén a súa principal motivación, os movementos e as variacións que levan a cabo son para perseguir as súas presas. No ano 2020 identificouse un novo comportamento nas candorcas ibéricas que se traducía en aproximación excesiva ás embarcacións, contacto físico e, nalgúns casos, 0,15 de cada cen barcos nunha zona, avarías que levaron as embarcacións a dirixirse a porto ou a solicitar auxilio.  Descoñecemos a orixe desta situación, que podería estar relacionada cun comportamento autoinducido ou cun comportamento obsesivo, baseado nunha situación hostil na cal algúns exemplares o pasaron mal diante dun veleiro.

A pesar de que interactuaron con todo tipo de embarcacións dende 5 a 38 metros, é cos veleiros de 12 a 17 metros cos que máis interaccións se levan a cabo. Estas interaccións poden ser moi breves ou poden chegar a durar unha hora, pero na maior parte dos casos duran entre 15 e 20 minutos. Nestas interaccións as candorcas analizan e manipulan as estruturas móbiles dos barcos como poden ser o leme. É nesta situación cando se produce algunha rotura, porque os lemes son estruturas débiles e as candorcas son moi grandes.