Palabras

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Martin Heidegger dixo: só hai mundo onde hai linguaxe. Ludwig Wittgenstein escribiu: os límites da miña linguaxe son os límites do meu pensamento. Sabemos que as cousas só existen se son nomeadas. Por iso cómpre falar de certos asuntos e traelos á axenda pública e mediática porque, se non se fala deles, é como se, en efecto, se volatilizasen e non existisen. Por iso a linguaxe ten tanto que ver coa memoria. Cando o alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas atacan o cerebro humano, pérdese a memoria e pérdese a linguaxe. Non é esaxerado dicir que somos linguaxe, que somos palabra, verbas. Por iso, tamén, a verba logos (palabra en grego) significa tamén razón. Un ser humano é un ser que razoa a partir de palabras.

Nos tempos que andamos, en especial dende a irrupción das redes sociais, a linguaxe cada vez é máis pobre. Tamén na política. Reparemos nos diarios de sesións dos parlamentos galego ou español. Cada vez as mensaxes son máis simples. As subordinadas xa non se estilan. Os nosos políticos falan como se emitisen chíos para o Twitter. E alguén podería pensar que non ten importancia. Que non hai por que ser Castelar ou Azaña. Mais si que o ten. A amplitude do noso pensamento ten moito que ver coa amplitude do noso vocabulario. George Orwell no seu 1984 puña a traballar conxuntamente á Policía do Pensamento cos fabricantes da «neolingua». Tratábase de que a cidadanía tivese poucas palabras para falar do mundo. Con menos palabras, menos capacidade para razoar. Serán todos máis manipulables. Nese contexto hai que inserir tamén a vulgaridade e o baixo nivel que se detecta en moitos participantes en faladoiros da televisión e da radio. Lembran vostedes aquel programa do recentemente falecido José Luis Balbín titulado La Clave? Hoxe non existe ese formato. Pero porque non pode existir. Xa non nos dá a cabeza para tanto.

Non nos cansaremos de insistir na importancia das materias educativas que teñen que ver coa linguaxe. O estudo da literatura. O estudo da filosofía. Hoxe máis que nunca é necesario ensanchar as cabezas e iso faise a través da palabra, ben sexa na súa compoñente estética (literatura), ben sexa a nivel conceptual e abstracto (a filosofía). A sociedade semella camiñar noutra dirección. E asumimos con normalidade que nos gobernen persoas cun discurso plano, vacuo e insignificante. Lembren a que lle montaron ao pobre Gabilondo por citar, nun debate con Ayuso, a Kant.

Somos as nosas palabras. Se as perdemos (os galegos sabemos moito de perder unha lingua) perdémonos. Individual e colectivamente.