Máis do oitenta por cento dos españois non estamos conformes co noso corpo. A sensación intensifícase agora. Ir á praia ou á piscina supón un esforzo mental, unha superación de barreiras, porque estamos enormemente influídos polos ditames da sociedade, que impón unhas pautas de beleza que pouco ou nada teñen que ver coa saúde. Debería estar conforme co meu corpo?
Teño uns pés pequenos que me ensinaron a manter o equilibrio ao camiñar pola vida. Conto cun par de pernas fortes que soportan o resto da estrutura. Os xeonllos aínda están ben engraxados, articulan sen problema e permítenme avanzar, ás veces lentamente, ás veces con maior velocidade. O ventre estirouse e encolleuse segundo o preciso cando decidiu albergar novas vidas dentro. Tamén conto con boa predisposición para cicatrizar as feridas. As mans permítenme múltiples tarefas. Non só escribo, tamén acariño, aperto forte, podo interpretar música, agarrar e soltar... ata manexar os remos para dirixir unha pequena embarcación. Cos brazos cargo pesos, bailo e converto o corpo en colo.
O pescozo é quen de avisarme cando o cansazo físico é excesivo. Os ollos... Un deles é tan preguiceiro que, aínda que xa pasou por unha operación e uso lentes, nin así podo ter unha visión nítida. Se chisco un ollo, o mundo súmese nunha nebulosa. Mais, se os pecho, as imaxes preséntanse nítidas nas lembranzas. O cerebro, o corazón e os demais órganos, van funcionando ben.
Por que entón incluírse no grupo dos descontentos? Que buscamos nun corpo?