Memoria democrática

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ATIENZA | EFE

18 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que á dereita española lle molesta tanto iso que chamamos memoria democrática? Obviamente, hai unha extrema dereita que se ve loxicamente sinalada cando, a través desa memoria, reescribimos, dunha maneira máis científica e xusta, a historia dos últimos cen anos. Pero a que vén esa teima do resto da dereita por non romper coa herdanza totalitaria ao pedirnos o mesmo que nos pedían os franquistas dos oitenta? A quen convén non furgar nas supostas cicatrices? Nunca entendín en que beneficia ao PP exhibir así a súa propia vergoña unha vez desaparecidos os últimos franquistas das súas ringleiras, e unha vez que xa ninguén dubida da súa modernidade liberal, moderada e europea. Nunca entendín para que delatan unha herdanza incómoda coa que debera serlles fácil romper. Derrogar a Lei de Memoria Democrática implicará recoñecerse na aceptación da infamia do Val dos Caídos, lexitimar o dedo do ditador para sinalar privilexios a colaboradores do franquismo, e, sobre todo, colocarse nun dos poucos espazos políticos do mundo que considera legal e lexítimo o fascismo.

 

Negar os feitos probados e a dor dos demais, malia ter sido unha estratexia máis ou menos efectiva para salvar conciencias na Transición, non implica mudar o que verdadeiramente pasou neste país durante case todo o século XX. Ese século no que nacemos case todos. Ese século cuxas veas abertas herdarán as nosas fillas. Ese século que volve unha e outra vez ao fascismo redivivo, tanto ou máis teimudo cá nosa desmemoria inducida.

Convén lembrar, xa que é 18 de xullo, que o golpe do 36 non triunfaría sen o decidido apoio do réxime de Hitler. Saber iso axuda a saber ao lado de quen se coloca un cando opta por determinados tipos de silencio.