Tres amigos

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

-

10 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco que un grupo de escritores e escritoras, de dentro e de fóra de Galicia, volvemos xuntarnos en Mondoñedo arredor da figura e a obra da Álvaro Cunqueiro, un dos nosos grandes, sen dúbida, un deses autores que por si mesmos transforman a literatura. Difícil explicar as nosas letras contemporáneas sen Cunqueiro. A min toucoume falar dos seus amigos. En concreto, de dous amigos que o acompañaron sempre, dende os días da adolescencia ata o final. Que sería de nós sen os amigos! Refírome a Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carballo Calero.

Hai unha fotografía moi coñecida, realizada nos anos da mocidade en Santiago, durante a Segunda República, na que aparecen os tres xuntos, ollando cara á cámara. Por aquelas datas Cunqueiro xa publicara os seus primeiros libros de poemas: Mar ao norde en 1932, na editorial Nós, que dirixía Ánxel Casal, e Poemas de si e non ao ano seguinte. Axiña sairía Cantiga nova que se chama riveira ese mesmo ano de 1933, e daquela xa publicaba traballos nas páxinas de El Pueblo Gallego, o xornal que fundara en Vigo Manuel Portela Valladares e que entón se consideraba unha das plataformas máis visibles do galeguismo.

A Guerra Civil tronzou vidas e alterou biografías. Entre elas a de Álvaro Cunqueiro. A historia é ben coñecida: Cunqueiro desterrado en Mondoñedo, logo dun principio aparentemente triunfal no novo réxime, expulsado da Falanxe e da profesión xornalística, con problemas familiares e esquecido de case todo o mundo. En Mondoñedo seica daba clases de francés e sobrevivía. Daquela aparece outra vez na súa vida o vello amigo Paco del Riego, con quen compartira soños e angueiras nos tempos do galeguismo. Del Riego é quen recupera a Cunqueiro para a nosa literatura, principalmente para a narrativa. Merlín e familia (1955) segue sendo un libro inaugural, e as dúas décadas que van dende 1950 (Dona de corpo delgado) a 1971 (Xente de aquí e de acolá) un tempo de extraordinaria riqueza creativa, sobre todo a incorporación do escritor á dirección de Faro de Vigo en 1964. Nese período, o papel de Fernández del Riego é decisivo, como animador, editor, corrector de textos, organizador de axendas, incluído o seu ingreso na Real Academia Galega en 1963, no que tamén participa Carballo Calero.