Chulitos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ANGEL MANSO

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado 11 de xuño tivemos a fortuna de ver, no Coliseo da Coruña, a Raphael. Non era a primeira vez. O 17 de decembro, en Madrid, tamén estivemos aplaudindo ao artista. Pero a situación non era a mesma. Na Coruña puidemos presenciar a actuación dende terceira fila. Case podiamos tocar ao cantante. O Mariló, emocionado. Cando Raphael cantaba «estar enamorado es...», o Mariló levantaba máis a voz e gritaba: «Descubrir lo bella que es la vida». O cantante repetía: «Estar enamorado es...» e o Mariló: «Confundir la noche con los días». Un fenómeno. Sabe todas as cancións. O seu novo repertorio fundaméntase en Raphael, Sabina e composicións populares de orixe diversa (dende A loba de Caldeliñas ao sabor das habaneras). Saíu contento da actuación coruñesa. Máis que da de Madrid, aínda que aquela durase tres horas e a de aquí dúas e cuarto. Porén, non deixou de lembrar o evento madrileño. Alí non tivemos a fortuna de ter boas entradas. Unha estafa, das moitas da internet, levounos ao último anfiteatro. Non se vía nada. Só unha atmosfera espesa, fumarenta, que o Paco Mariló identificou: «É o virus, neno», díxome. E podería ser. Eu, que sufro vertixe, non podía mirar cara abaixo. E cada minuto pasaba algún ser que me golpeaba, collendo sitio. O Mariló falou: «Estamos coa lepre». Eu entendín que estabamos coa depre, ou sexa, algo parecido á desolación. Pagar tanto e estar tan lonxe. Pero non era esa a pretensión. El pretendía expresar outra cousa. Ao final do concerto entendino. Repetiu: «Estivemos cos nosos, coa lepre». Contestei: «A plebe, Mariló, a plebe». Riu. Dixo: «Agora vai resultar que só podedes inventar palabras os escritores. Chulitos!». Un fenómeno.