As moscas

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

M.S.

24 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Outra vez a mosca que aparece cando menos a necesitas (porque as moscas son necesarias). Ás catro da mañá, nesa hora na que sempre esperto para ir ao cuarto de baño, soa o pziiiiiii da mosca anana arredor da miña cara. Méteseme na boca, e a moi condenada volve a saír coma se nada. Non quero espertar ao Xan, e non dou matado moscas, así que tapo a cara coa saba. Pero xa se me meteu o zunido na cabeza e para esquecelo comezo a pensar noutras cousas e actívome de tal xeito que son consciente de que o sono xa non vai volver esta noite.

E agora está aquí, tan pancha, pousada na pantalla do ordenador coma se fora dela. Espántoa coa man pero volve, así que pasmo mirando para ela e lembro aquel artigo sobre Erica McAlister, a curadora de dípteros do Museo de Historia Natural de Londres, e póñome a buscalo. No New York Times fala de que «por cada persoa hai dezasete millóns de moscas», e tamén afirma que sen moscas non existiría o chocolate. Outra razón para non matala, pensei, vou intentar que marche pola ventá. Pero non. Aí segue.

Nese mesmo artigo din que a poboación de moscas comúns «podería aumentar un 244 por cento para o ano 2080» por mor do cambio climático. Entón pensei na idea de como compartir este noso ecosistema particular (o da mosca, o ordenador e máis eu). Volvín ao artigo sobre McAlister e fascineime non polas moscas, senón pola súa paixón cara a elas. Abrín de novo a fiestra e agora si, marchou, e eu conseguín rematar o día sen desfacerme dun ser vivo por simplemente ocupar ese espazo que eu considero que é meu, pero que en realidade é de todos. Pois o cambio climático tamén se debe a esta teima nosa de posuír todo o que nos rodea...