Xuño, 23

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ramón Leiro

23 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que as cacharelas, fogueiras e lumaradas sementen de gozo e ledicia esta noite de feitizos, encantamentos e luces. Que desapareza para sempre, covid tras covid, este andazo que disparou en medio da nosa alma. Que os desexos, aínda que sexan diminutos e breves, poidan cumprirse. Que alguén cambie as balas por caricias, alá en Ucraína, onde a dor é unha serpe con ollos de metal. Que San Xoán congregue todos os solsticios do universo para iluminar os adentros, onde perduran as infelicidades, canallas. Que poidamos abrazar aos amigos. Que os amigos poidan abrazarnos. Que nos deixen en paz os perversos, e mentirosos, os que levan a insignia da intolerancia no corazón en lugar de levar un corazón sen insignias nin consignas. Que deixen de impartir doutrina. Que alguén nos libre de todo o que facemos mal, os erros que non deixamos de cometer, os soños que non soubemos coser e romperon. Que esta noite corra, de emoción, unha lágrima polas noites que venceron todas as escuridades. Que recuperemos a ilusión, e as copas brindando, barras de bar que non teñan sabor a melancolía, alegrías e alegrías que nunca terminen, luces sen sombra, gomas de borrar tristezas, amores posibles e imposibles, novelas lindas que non queiramos rematar, versos en voz alta, pallasos, flores, cancións, música de piano, vinte poemas de amor e unha canción esperanzada, algún bolero con sabor a ti, caricias que cheguen sen reclamalas, bicos que non esperes, princesas para os piratas, piratas para as princesas. Que esta noite cambie o final do conto: feliz. Que detrás de todas as historias escribas un the end con risa. Que non triunfe o tedio. Que ganes, que vivas, que non perdas. Xuño, 23. Amén.