O «Ulises» e a modernidade

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Internet

19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Van cen anos dende a primeira edición dunha novela que certamente mudou o xeito de narrar, marcou varias xeracións de autores e lectores: unha nova maneira de entender o mundo e o discurso da literatura. Celébrase estes días o centenario da aparición do Ulises de James Joyce, un libro que podemos dicir que forma parte da mitoloxía contemporánea. Publicouse por primeira vez en París, en 1922, na editorial-librería de Silvia Beach. Pouco despois, en agosto de 1926, apareceron os primeiros textos traducidos ao galego por Ramón Otero Pedrayo, no número 32 da revista Nós, antes que en ningunha outra lingua peninsular. Dende a editorial Galaxia promovemos, no ano 2013, unha excelente tradución da novela: dez anos de esforzo que culminaron Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle. 

Foi Vicente Risco quen primeiro chamou a atención sobre o libro, nun ensaio publicado en tres entregas (números 26, 27 e 28 da revista Nós) titulado Da renacencia céltiga: a moderna literatura irlandesa; e foi Risco, asemade, quen o puxo nas mans do seu amigo, animándoo a ensaiar aquelas primeiras traducións. Na Fundación Penzol, entre a correspondencia de Otero, hai probas do interese do autor galego pola aprendizaxe da lingua inglesa, e na casa Grande de Trasalba conservamos unha edición en inglés da obra de Joyce, datada en 1925, catro anos antes da primeira edición en francés (1929).

Nos estudos literarios galegos hai numerosos traballos sobre este proceso. Mais agora que estamos en tempo de centenarios relacionados coa nosa lingua e a nosa literatura (a editorial e a revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos) o que máis nos interesa non é tanto a dimensión da novela, o Ulises, como a ambición, o esforzo, a visión estratéxica dos nosos escritores naquel momento diante dun desafío que certamente era importante: afrontar dende o galego, coas limitacións da época e, por que non dicilo tamén, cos prexuízos que a condicionaban, a tradución dos primeiros textos dunha obra tan transgresora e significativa. Seguindo o discurso que xa iniciaran as Irmandades da Fala en 1916, coa experiencia de Otero Pedrayo, a lingua galega entraba nunha nova dimensión, non só de uso (na Administración, na cátedra, no púlpito, en todos os aspectos da vida pública) senón verbo das súas capacidades obxectivas de expresión, esixencia de estilo, riqueza léxica, etc., alén dos espazos coloquiais da cultura tradicional. O traballo dos tradutores e tradutoras que culminaron o proxecto de Galaxia no 2013 foi impresionante, dou fe, mais a lingua levaba moito tempo de madurez e estabilidade. A incorporación da novela de Joyce ao noso universo literario é unha conquista das novas xeracións, pero ten raiceiras naqueles outros días certamente heroicos dos primeiros anos 20, cando parecía que todo estaba a nacer.