O que a Universidade é

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

14 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempo de elección de carreira universitaria cómpre atender á vocación, pensar menos en que deparará o futuro, en que se vai traballar e máis en que se sabe facer e que se quere aprender. O estudante que agora vai escoller o que vai estudar está decidindo a que se vai dedicar a aprender nos próximos anos da súa vida. Terá que escoller unha aventura e non unha tortura. Unha exploración e non unha condenación. En tempo de tribulación sempre cómpre tomar decisión, ao contrario da vella máxima reaccionaria. Actualmente o lugar da Universidade pareceu diluírse entre tanto talento de garaxe e tanto emprendedor feito a si mesmo. Non hai moito novo nisto do culto ao talento natural e ao emprendemento universal, pero si algo de papanatismo clásico. Do emprendemento extraacadémico saíron a maioría dos inventos da industrialización e foi con talento como as mulleres —e algúns homes— produciron moitos dos saberes populares sobre sementes ou menciñas. Para procurar talento perdido fóra das elitistas universidades deseñáronse formas de medir o coeficiente intelectual, pero esa intelixencia non dá en nada se non se adestra e se disciplina. Non hai espontaneidade, hai excepcións (B. Gates e S. Jobs), experiencias que non poden escalarse pero que responden a contornas espaciais, históricas e intelectuais definidas polo coñecemento académico. Fosen as universidades escocesas da revolución industrial ou as californianas da revolución dixital. E sempre a capacidade de creación en liberdade fronte ao pensamento sometido á guía autoritaria. Tamén niso Von Braun ou Sajarov foron excepcións. En España, onde se formaron dous premios nobeles en sesenta anos de liberdade (Cajal e Ochoa), despois dunha ditadura de 40 anos que fixo perder 80, aínda seguimos agardando o seguinte nobel.

Non hai ciencia sen universidade e a investigación sen docencia é unha burbulla produtivista, ahistórica e sen futuro; o porvir da investigación non está no grande investigador consagrado de hoxe, senón na formación da mocidade universitaria que chega da secundaria. Tampouco empeza co doutoramento como algúns queren soñar, empeza na licenciatura, agora chamada grao, segue co máster e continúa despois dentro ou fóra das universidades. Sábese dende hai máis de dous séculos. O futuro social só está garantido cun entorno de creación e transmisión de coñecemento e cultura, cun entorno universitario. Sen el non hai sistema de innovación.

A universidade perdeu perfil en España por certa degradación política que resiste como pode e por un modelo de privadas de garaxe. A moda de universidades do deporte, a gastronomía, o deseño, empezou en Italia e parece alcanzarnos. Se queremos distinguir o camiño da universidade abonda ler a entrevista con Ángel Cabrera no último dominical deste xornal. Estudantes: escollan o que se lles dea ben, non pensen no que van traballar… O pasado demostra a mobilidade das profesións, a capacidade de aprender a aprender e innovar é o que debe guialos na escolla.