No 2021 as redes sociais aumentaron en máis de 400 millóns o número de usuarios ou o que é o mesmo, cada día súmase un millón de cibernautas. Case o 60 % da poboación, segundo os datos, utilizan redes sociais. Pero tamén, cada vez máis, hai usuarios que deciden abandonalas por mor do odio que reciben a través delas.
As denominadas redes sociais son do máis antisocial. Son canles de odio. De feito, os odiadores son todo un exército que se denominan por autodefinición: haters, ou sexa, persoa que expresa odio publicamente e que se dedica a difamar, desprezar ou criticar pexorativamente.
A por quen van estes odiadores? Principalmente dirixen os seus ataques a mulleres, negros ou persoas doutras razas, todos eles colectivos e individuos realmente vulnerables.
Que facer contra isto? Non é sinxelo, polo que moitas persoas, anónimas ou públicas, eliminan as súas redes sociais como único escudo protector. O problema non está resolto, nin moito menos, tan só se pecha a canle pola que facer chegar ao destinatario esa saña, ofensa e dano.
Odiar non é un delito, mais incitar á violencia e discriminación contra colectivos vulnerables si, grazas á reforma do Código Penal do ano 2015, na que se recollen os supostos deste delito.
Como nos resistimos a abandonar as redes, seguimos sendo millóns os usuarios. Que podemos facer para evitar estas actitudes? As plataformas deberan incrementar os seus controis, pero, mentres, os puñais cibernéticos e as ofensas intanxibles producen un dano moi real.