Un horizonte dificil

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Martina Miser

05 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata de ser alarmista, pero a noticia que difunde o III Barómetro Juvenil. Salud y Bienestar, elaborado pola Fundacion FAD Juventud, é abraiante: o 44,3 por cento dos mozos españois entre os 15 e os 29 anos declaran que nalgún momento pensaron no suicidio. Depresión, tristeza, desesperanza, ausencia de estímulos para vivir, problemas de autoestima… Certo que este tipo de estudos deben considerarse con moita precaución. Mais a devandita fundación semella traballar con metodoloxía competente e, por outra banda, sen acadar cifras tan espectaculares, os profesionais que temos relación coa xente nova (educadores sobre todo) hai tempo que observamos situacións de inestabilidade emocional, presións psicolóxicas e sociais que afectan especialmente á mocidade e que, segundo os especialistas, veñen radicalizandose de vinte anos para acó.

Un dos condicionantes máis serios para abordar este tipo de problemas é a dificultade que amosan os afectados para comunicar ou mesmo para recoñecer a situación. Tanto eles coma elas, aínda que por experiencia eu diría que as mulleres (as mociñas que acaban de saír da adolescencia sobre todo) son as máis vulnerables. A presión que se exerce sobre o estamento feminino é moito maior: na aparencia física, na estética, nas relacións emocionais, nas saídas profesionais, no horizonte laboral..., xa non digamos se entre os seus obxectivos futuros está formar unha familia.

Nos primeiros días de facultade eu pregunto case sempre aos meus alumnos como se ven dentro de vinte anos: escritores, artistas, presentadores de televisión, correspondentes de guerra ou nalgunha misión no estranxeiro… Elas sempre teñen o mesmo problema: primeiro, a competitividade laboral, pois consideran que deben facer un esforzo extraordinario e moi superior aos seus compañeiros; e segundo, a compatibilidade entre o desenvolvemento profesional e a estabilidade dunha familia, no caso de que queiran considerar ese horizonte. Certo que o discurso da conciliación avanzou bastante nas novas xeracións, Mais queda moito por andar. Falo da facultade de Xornalismo e podería falar de calquera outra: Medicina, Dereito, enxeñerías…

Sumémoslle a isto a precariedade laboral, a inseguridade nos contratos, esas bolsas interminables e mal pagadas que instalan os afectados case na fronteira dos corenta anos sen estabilidade para facer plans de futuro, todo nun contexto de aceleración e consumo desenfreado, ofertas inalcanzables, escenarios imposibles… A nosa xeración, a que agora anda por riba dos 65 anos, viviu un proceso histórico sempre ascendente: os pais vivían mellor cós avós e os fillos mellor cós pais. Esa era a norma. Os nosos fillos e fillas hai tempo que empezaron a asumir algo certamente frustrante: as súas expectativas de vida non van mellorar o mundo dos seus predecesores. E o tempo corre, a presión aumenta, cada día que pasa é unha hora máis de angustia. Non o teñen fácil, abofé