Volve a fame

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

04 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Coidaba —malpocado— que a fame, a peste e a guerra, os tres estarrecedores xinetes da Apocalipse, non volverían galopar en Europa e que as xeracións máis novas só poderían coñecelos na historia, na literatura e na arte; pero os tres irromperon nas nosas vidas, ao mesmo tempo, para demostrarnos o insensatos que somos. No 2021 soubemos que millón e medio de familias dependían en España das «colas da fame» para poder comer, e datos recentes din que máis de seis millóns de españois sofren pobreza alimentaria por falta de recursos. Son números arrepiantes, que seguirán medrando porque o prezo dos alimentos básicos nos fogares humildes aumenta cada día nos dous últimos meses.

«A fame no mundo é o fracaso da política», din as asociacións de axuda ao terceiro mundo, e teñen razón. Que cada 48 segundos morra de fame unha persoa en Somalia, Kenya e Etiopía é a evidencia de que o capitalismo é un sistema corrupto que non funciona; pero sabémolo desde hai tanto tempo, e estamos tan afeitos ás imaxes en televisión de neniños negros desnutridos, que amainamos a conciencia recoñecéndonos impotentes e aportando un óbolo a algunha ONG. Pero agora non se trata da fame en África, senón da fame en España; nin do fracaso da política, senón do fracaso dos nosos políticos, encirrados con fruición na confrontación dialéctica, as máis das veces no sétimo ceo da necidade; sen poñer os pés no chan e sen tomar conciencia da realidade.

A primeira vez que vin a alguén remexendo nos contedores de lixo en procura de alimento foi como se vise un accidente. Era unha muller maior, de boa presenza, de rostro agradable, cun chapeu que llo cubría en parte. Pasei ao seu carón sen ollala para non ferila, pero levei a súa imaxe na memoria e ao chegar a casa evoqueina nun debuxo que mostrei en varias exposicións e teño no estudo, en lugar preferente.

Eu vira, de neno, en Ferrol, a cara fea da fame de posguerra en familias do meu barrio e en amigos de xogos. Anos en que o pan traía cagallas de rato e a sopa de allo era prato fixo en hospicios, asilos e moitos fogares. A ribeira foi a despensa da poboación e os economatos do Exército, Mariña e Bazán unha axuda valiosa para boa parte.

Ao de Bazán chegaron de México toneladas de fabas pequeniñas, negras e tan duras que podían ferver toda a mañá e nunca cocidas se daban. Como estaba de moda Antonio Machín, a xente chamoulles «angelitos negros». Estiveron amoreadas nun almacén ata que as mercou unha fábrica de Salamanca para facer galletas.