Miserables

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Miguel souto

02 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desculpen a tristeza: este xoves non escribo unha columna feliz. Aperta a garganta un colar de cristais en punta, púas, espiño. A violencia contra as mulleres é un hábito dos noticiarios. Foi en Carballo, Tomelloso, Zaragoza. En calquera parte de España ou Galicia. No recanto máis imperceptible aparecen os dentes criminais dos miserables. Son unha ínfima minoría. Pero existen. Hai quen, empregando o peor dos populismos, pretende igualar aos homes. Un par de semanas atrás a delegada do Goberno en Valencia, Gloria Calero, declarou: «¿Qué os está pasando a los hombres que estamos retrocediendo a esta cultura de la violación que creíamos desterrada?». Pensei que ía pedir perdón pola xeralización. Non o fixo. Mesmo ratificou as súas palabras. Demonizar a todos os homes é un erro. Igual que é un erro pensar que a solución á lacra da violencia contra as mulleres está na linguaxe. Porque a linguaxe non cambia a realidade. A violencia só se poderá erradicar dende a escola. A solución non está nos discursos, nin nas leis que teñen como reclamo as baixas laborais. A solución está na escola que prime, por riba doutros valores, o respecto e a liberdade, a tolerancia e a boa educación, a colaboración. O esforzo e non a preguiza. O mérito e non a desidia ou a vagancia. A disciplina. Si. A disciplina. Algúns pensarán que a disciplina nada ten que ver coa escola lúdica que algúns pretenden. Talvez. Porén, a disciplina fainos máis respectuosos do que somos. Mentres isto non suceda, e mentres se estean exacerbando os relatos e discursos populistas que teñen á muller como coartada ideolóxica, nada ganaremos como sociedade. Educación, educación, educación. O resto non vale.