17 de maio e Pegasus

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

J. M. CASAL

23 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou unha vez máis o 17 de maio, Día Mundial das Telecomunicacións desde 1969.

Cada ano ten o seu lema: o do 2022 foi Tecnoloxías dixitais para persoas maiores e envellecemento saudable. Segundo se tratou nos actos do día, cómpre preguntarse cales son as características que definen unha persoa como vella («maior» é mostra de corrección política) fronte á telemática de usuario. Os profesionais da enxeñería ven fronteiras difusas, con sorpresas de idade e formación. Curioso.

A celebración deste ano aconteceu cando en España aínda fican por iluminar áreas escuras do caso que pasará á historia co nome de Pegasus. Unha delas é a da actuación dos xuíces que —carecendo totalmente de formación no mundo etéreo de microondas, fotóns e bits— ordenaran utilizar as técnicas dese produto de espionaxe.

Se cadra a estes profesionais da xurisprudencia non lles é doado comprender as diferenzas éticas entre «picar» liñas de voz e datos dun terminal móbil e «coar» no ordenador dese terminal programas que lle fan reemitir mensaxes, alén de entregar cantos datos ten na memoria, incluso alleos á investigación en curso.

Non é o mesmo dar orde de intervir nun nodo de compañía telefónica que permitir a introdución a furto, contra vontade de usuario e compañía, dun programa rapineiro. ¿Cal debe ser a «idade telemática» de quen —asesorado— interpreta a lei e decide picar liñas ou coar programas?