Putin y Cirilo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

17 may 2022 . Actualizado a las 11:02 h.

Nunha lección práctica aos colaboradores máis íntimos sobre a arte de gobernar, Stalin colleu unha galiña viva e desplumouna mentres a coitada rebulía e cacarexaba de dor. Despois púxoa no chan, botou a andar pola habitación deixando caer grans de millo, e a galiña, pelada e sanguenta, seguiuno, pica que pica, e ata chegou a comerlle na man. Poderíao facer calquera déspota con poder, comunista ou capitalista, que Julio Camba demostrou nun artigo inspiradísimo que capitalismo e comunismo son a mesma cousa para quen vive dun salario cativo. Tamén debe de ser certo que o endeusamento do líder a todos afecta igual porque franquistas e comunistas soviéticos quixeron levar a Franco e a Stalin aos altares co mesmo argumento: os dous venceron á encarnación do mal. Franco o comunismo e Stalin o nazismo.

Putin xa admiraba de neno a Stalin, cando seu avó Spiridon lle cociñaba polo con cebolas e noces como antes fixera para «o home de aceiro»; e o neno Putin, baixiño e esmirrado, sopeteaba no prebe para ser algún día coma el. E conseguiuno, que tamén se fixo orgulloso, disciplinado, cauteloso, vingativo e sen escrúpulos. Certo que en 2017 condenou os crimes de Stalin e inaugurou un monumento ás vítimas; pero copioulle a figura do «inmigo do pobo» e aplícaa aos opositores á súa política que, cando son ricos e teñen posibilidades de éxito, morren envelenados ou van ao cárcere ou ao exilio.

O patriarca Cirilo de Moscú reloucou de contento ao coñecer a Putin, cualificou de «milagre» o seu acceso ao poder e non deixou de apoialo na política interior, por represiva que sexa; nin de bendicir o ardor bélico que o move a reconstruír o Imperio Soviético. A invasión da Ucraína xustificouna Putin como a liberación do pobo dunha panda de gobernantes maricóns e neonazis; e Cirilo asentiu e converteuna en Cruzada. Putin e Cirilo son almas xemelgas: soberbios, fachendosos, dispostos a desplumar millóns de galiñas vivas na nova Rusia e cun mesmo punto fraco: medo á burla. Putin, que con tantos botox semella de látex, non permite o seu guiñol en Rusia e persegue aos caricaturistas; pero un exército de debuxantes ucraínos ridiculízao no mundo. Esa guerra tena perdida. Poderían combater a Cirilo, sempre envolto en ouro e xoiería e con reloxos de miles de euros; pero os ortodoxos non fan mofa dos seus bispos. A Cirilo caricaturizouno o papa Francisco cando lle chamou «monaguillo de Putin». Seica aínda está co telele. O humor é ás veces escudo e outras espada flamíxera.