Aquel Sindicato Vertical

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

07 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado luns lembraba Xosé Luís Barreiro neste xornal o sindicalismo dos últimos dez anos do franquismo, con Marcelino Camacho e Nicolás Redondo como líderes admirados pola totalidade dos traballadores. Era un artigo para o Primeiro de Maio, cheo de nostalxia, que eu compartín ao lelo; pero, de recordo en recordo, a memoria levoume ao Sindicato Vertical, que acollía a empresarios e traballadores seguindo os modelos da Alemaña de Hitler e da Italia de Mussolini, e tamén do papa León XIII, que, na encíclica Rerum Novarum, propuña a colaboración entre patróns e obreiros.

Do Sindicato Vertical valeuse o Réxime para impoñer a disciplina no mundo laboral e esixir o esforzo común, a unidade patriótica de patróns e asalariados para facermos xuntos unha España grande e libre. Era tanto así que o Fuero del Trabajo establecía que «los actos individuales o colectivos que turben la normalidad de la producción o atenten contra ella se considerarán delitos de lesa patria».

Os falanxistas, por aquilo da revolución nacionalsindicalista xoseantoniana, pensaban que o Sindicato Vertical sería cousa deles; pero a Igrexa meteu baza e a política laboral estivo moi marcada polo nacionalcatolicismo. No Sindicato Vertical había un bispo asesor, directores espirituais nas grandes empresas e miles de capeláns nas confrarías de pescadores e irmandades de labregos e gandeiros. Deus, patria, paz social, rexeito do marxismo, fe no réxime… eran principios básicos e todos estaban nos versos relambidos do himno sindical, que xa poucos recordamos e que os historiadores deberían recoller. Velaí algunhas estrofas:

«Con palabras de paz, alegre, te diré:

Somos hermanos, trabajador.

Sin rencor, por toda España llevaré

el mensaje del amor».

E máis adiante:

«Dios nos ha dado nuestra fuerza

para la Patria levantar.

Signos serán de su grandeza

las alegrías de nuestro hogar».

E despois:

«No volverán nunca más odios del ayer.

En la lucha de clases falta la razón.

La justicia ha de vencer».

A construción naval tiña himno propio, na mesma liña e con remate en ton heroico:

«Somos obreros de España,

que ante la influencia extraña

ha sabido erguirse en pie.

Mientras nuestro esfuerzo vibre,

por la España grande y libre

lucharemos sin cesar.

Con la protección divina

nuestra senda se ilumina

cara al sol y junto al mar».

Bonitos eran e engado tiñan, pero non picabamos.