Rematou a pandemia persistente?

Sonia Villapol
Sonia Villapol CIENTÍFICA NO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, ESTADOS UNIDOS). EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

19 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que si, pero non. O covid non desaparecerá, chegou para quedar, coma as Tanxugueiras. Por moito que os políticos intenten ignoralo, recomendar non levar as máscaras, reducir o seguimento do virus, e non destinar máis fondos para as probas gratuítas ou para seguir as variantes novas, nada disto axudará a frear a escalada de infeccións e reinfeccións da BA.2. Coa relaxación nas medidas, non sería sorprendente un aumento de casos nas próximas semanas, e é moi probable que haxa outra onda este outono, e daquela a nosa inmunidade xa iría remitindo. Posiblemente xurdan variantes máis transmisibles, coa incerteza que sexan máis perigosas debido á inmunidade da poboación, que por outra banda é inevitablemente temporal, polo que a xente que puxo a dose de reforzo hai máis de seis meses, precisará unha segunda. Se vemos un aumento de hospitalizacións de novo, volveremos a ser máis precavidos en quitar as máscaras nos interiores, con ou sen mandato.

 

As persoas deberían de tomar as súas propias decisións despois de avaliar os riscos que están dispostas a asumir. Sempre hai que pensar no peor escenario para mitigar o perigo no momento actual, sen comezar un gran debate sobre se vai pasar ou non. Cada quen vai ter que facer o seu propio cálculo da cantidade de riscos que quere correr cando decide ir a ceas, eventos en interiores, ou a actos concorridos. As vacinas actuais non eliminaron a pandemia, pero si a morbilidade e as mortes, que non é pouco, aínda que isto non impide por completo que o SARS-CoV-2 continúe a propagarse sen control. Mentres existan países onde menos do 5% da súa poboación ten inmunidade contra o covid, non nos deberían de sorprender a chegada de novas variantes. A vontade política de facer algo ó respecto desvanecese rapidamente, dirannos que temos que aprender «a vivir coa enfermidade», pero ignorando o feito de que as taxas de mortalidade por infección de futuras variantes de covid poden aumentar ou diminuír, ata acadar esta endemicidade. Hai uns meses unha das asociacións españolas de médicos de familia sacaba un editorial animando a «convivir» co virus, a despreocuparnos polos contaxios e a «gripalizar» o covid. Pero a gravidade das infeccións non se pode banalizar, agora sabemos que a variante ómicron foi a responsable do 20 % dos casos de covid persistente ata o momento, e os que están por vir. Inflamación no corazón, perdas de memoria, fatiga crónica, perda de olfacto e gusto, cadros de depresión, todo isto pode acontecer meses despois de infectarse de covid. Así mal vive moita xente con síntomas realmente incapacitantes, aínda que a infección a pasaron sen maior problema na fase inicial. Cando a ministra de Sanidade minimiza os efectos do covid persistente, dificilmente se dedicarán fondos para diagnosticalo ou tratalo.

As boas novas é que os síntomas persistentes van remitindo e estabilizándose a medida que transcorren os meses, pero non sempre e non todos, polo tanto atoparémonos nos anos que seguen cun problema de saúde pública se agora non destinamos fondos para atopar algunha cura. A asociación americana da enfermidade do alzhéimer xa augura un incremento dos casos de demencia nos vindeiros anos pola excesiva inflamación no cerebro que lles causou o covid ós pacientes máis graves. Isto pódese evitar agora cun diagnóstico axeitado e tratamento inmediato. Levo meses revisando propostas de investigación que recibirán financiamento polos Institutos Nacionais de Saúde dos EE.UU. para estudar o covid persistente, desde o efecto dos autoanticorpos, a inflamación crónica, ou os restos do virus coma causa do dano nos tecidos. Outra causa do covid persistente poden ser cambios na microbiota intestinal que estamos a estudar no meu laboratorio coma posibles diana para tratamentos.

Compre ser optimistas, tamén pola nosa saúde mental. Aprendemos moito en dous anos. Sabemos da importancia de mellorar a calidade do aire e a ventilación nos interiores onde acontecen máis contaxios, ou a coidarnos mellor, mellorando a alimentación ou facendo exercicio para manter o noso sistema inmune máis forte. A vixilancia xeneralizada da transmisión do virus non se pode deixar dun lado, e hai que seguir a traballar no desenvolvemento de medicamentos preventivos e curas para o covid persistente, ou novas vacinas contra todas as variantes que eviten a propagación. Se nos fan crer que a pandemia xa rematou, retiraranse os fondos para aplacala, o que causará estragos que superarán con creces o diñeiro investido e o custo social. Podemos atoparnos outra vez co escenario da cuarta onda da pandemia da gripe do 1918, que nalgúns lugares foi a máis letal. Ocorreu no 1920, no momento en que a xente se queixaba do cansazo pandémico, xa non querían máis máscaras nin lidar máis con nada diso, o que está a pasar agora. Cómpre ser prudentes e conscientes dos riscos de pasar o covid e polo que pode arrastrar, hai que seguir investigando e non esgotarse antes de rematar a carreira.