A dor como aprendizaxe

OPINIÓN

Diego Herrera | EUROPAPRESS

06 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con independencia de que cadaquén se arrime a un bando ou ao outro na invasión de Ucraína e procure unha lóxica de Guerra Fría, xeoestratéxica ou de calquera índole para xustificar a opción pola que se decante, é evidente que as consecuencias son devastadoras para todo o mundo, sobre todo, para quen a sofre en primeira persoa. Leo, arrepiado, as historias tráxicas que cada vez máis poboan a prensa e lles dan voz ás vítimas, as máis delas viúvas ou persoas anciás que non puideron, ou non quixeron, fuxir.

Son traxedias inmediatas que chegan limpas pola rede dende os escombros do medo e dun odio feroz para o que xa non se albisca a posibilidade de perdón. Escoitar estes relatos debería ser a primeira axuda que lles deberiamos dar, se nos consideramos seres humanos, porque a maior traxedia de calquera guerra é o esquecemento. É un acto de xustiza coas vítimas e unha obriga moral para todos, sen excepción, en especial para as persoas que escribimos e temos capacidade de multiplicar máis ou menos a nosa visión do que alí está a acontecer. O propio Vasili Grossman, nado en Ucraína cando esta aínda formaba parte do imperio ruso, aseguraba que o deber de quen escribe é contar a espantosa verdade, e o deber cidadán de quen le é coñecela. Por iso, as persoas que viran a cabeza, que pechan os ollos e pasan de largo, dalgún xeito están a ofender a memoria das persoas mortas. Non é doado aceptar tanto sufrimento en xente que ata hai ben pouco vivía máis ou menos nunha sociedade non moi distinta á nosa, pero poñer ouvidos ás súas historias e ás de quen nos conta a súa realidade crúa, daranos un punto de comprensión que nos axudará a tomar posición no mundo e intuír contra que monstros debemos loitar para evitar máis guerras no futuro.