Os nenos da guerra

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Imane Rachidi

20 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A nosa compañeira Marina Mayoral publicou en 1994 unha novela, Tristes armas (Xerais), na que fala da traxedia dos nenos e nenas da Guerra española separados das súas familias e evacuados a Francia, Bélxica, Gran Bretaña, Suíza, México e a Unión Soviética para fuxir dos bombardeos de Bilbao, Madrid e Cataluña, principalmente. A novela empeza así: «Nunha neboenta mañá de outono de hai moitos anos, Harmonía e Ros saíron do orfanato da Nosa Señora do Cristal para coller o barco que había de levalas a Rusia». O relato percorre a esgazadura física e emocional das protagonistas, traxedia que viviron mesmo xentes moi próximas a nós naqueles días terribles. Non podo evitar a súa lembranza vendo chegar ás familias que fuxen da desfeita da Ucraína: esas 47 persoas con nenos de dous e tres anos, por exemplo, que logo de case catro mil kilómetros de viaxe arribaron o pasado xoves a Compostela. Non son os únicos, desgraciadamente. E non podo esquecer os rapaciños e rapaciñas que dende hai anos veñen a nós dende os campos de Tinduf, os nenos do Sáhara ocupado por Marrocos, que entran agora nun novo tempo de incertezas, por se as que viviron ata agora fosen poucas.Anda por YouTube un documental titulado Los niños de Morelia que invito a que o visiten. Recolle o relato daquelas criaturas que con poucos anos foron embarcadas no paquebote Mexique dende Burdeos a Veracruz (México) en 1937: unha expedición que inicialmente estaba programa para dous ou tres meses, acollidos polo presidente Lázaro Cárdenas, e que na meirande parte dos casos se prolongou durante toda a súa vida. No documental recóllense os testemuños dos que aínda viven. Saíron 456 rapaciños e rapaciñas e volveron pouco máis de medio cento. O resto quedou aló, afastados dos seus para sempre. Pon un puño no corazón escoitar aos que aínda lembran aquilo, non digamos as imaxes dos bombardeos sobre Madrid e Barcelona cos pequenos escapando para os refuxios. O meu avó estivo na toma de Bilbao, co Exército de Franco, e nunca quería falar daquilo. Un vello amigo lembra á súa avoa, que logrou sacar a súa nai pequeniña por Santander a Asturias, e de alí a Francia, para fuxir da desfeita. Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas, participou na organización destas saídas, en colaboración con Luis Soto e Castelao, nos chamados Barcos de la Libertad, que saían dende Burdeos coa Solidariedade Galega Antifascista e a Xunta de Axuda aos Refuxiados. 

Todos querían volver. Todos falan de que a experiencia estaba programada para catro ou cinco meses todo o máis. A Guerra española durou tres anos. Ata ben andada a década dos 40, os nenos refuxiados en Francia (20.000 segundo as contas oficiais), en Bélxica (5.000), en Inglaterra (4.000) no puideron regresar á casa: ao que quedaba da casa deberíamos dicir. Os da URSS non empezaron a volver ata o ano 1956, e moitos non volveron nunca, igual que os de México, pois a república americana nunca recoñeceu oficialmente o Goberno de Franco, e alí quedaron.