Abaixo a calefacción

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

JULIEN WARNAND | Efe

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixen a calefacción nas casas. Ese é o remedio do xefe da diplomacia europea ante o imparable e inasumible prezo da luz. Pois que queren que lles diga... A min paréceme que moita diplomacia non usou. O que quero é poder pagar facturas, non papar frío.

Os usuarios sabemos que o mellor é erguerse ás cinco ou seis da mañá para poñer a lavadora. Facémolo, por suposto, ás escuras, para non prender a luz. Así andamos co corpo mallado de ir chocando ás apalpadas. Xa nin ganas quedan de ver a televisión, coas novas que nos din, polo que tamén a prendemos pouco. Nada de cociñar ao forno, claro. Aínda que o de fritir... tamén se está poñendo complicado.

É mellor fuxir a algures. Camiñando. Porque en coche, con este prezo do combustible, non é recomendable. Así, ademais, facemos deporte, quecemos o corpo e evitamos a calefacción. Claro que sen pasarse. Hai que controlar o ritmo. Non vaiamos suar e logo ter que ducharnos de máis, usar auga quente, utilizar o secador do pelo...

Como se me complican as cousas! Co sinxelo que é simplemente baixarlle a temperatura á calefacción. E xa está! Acabáronse todos os problemas.

O que non sei é como foi quen de darnos esta medida sen levar un abrigo posto. Porque eu estou aterecida de frío ultimamente. Será que para os altos representantes dos cidadáns non é un problema isto de pagar cara a electricidade, o gas, o petróleo?

Tanto me ten que a eles non lles afecte persoalmente. Porque o seu traballo é coidar de nós. E sinceramente... Non me sinto amparada.