Pedriñas de azucre

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

María Pedreda

09 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para unha gran maioría de lectores e lectoras do común Carlos Casares era a columna que el titulaba Á marxe, cita diaria nas páxinas deste xornal que nalgunha ocasión eu definín como a columna das pedriñas de azucre, porque estaba deseñada para ler (e gozar) no tempo xusto que leva remexer coa culleriña no café da primeira hora da mañá, para coller folgos cos que continuar a xornada. Non sei de ninguén que acadase tal número de lectores cunha experiencia semellante, que de seu é un xénero literario. A columna en branco daquel 10 de marzo na Voz, ao día seguinte do seu falecemento, causou un impacto extraordinario en todos nós: un laio de despedida, unha aperta, silencio clamoroso e inesperado en memoria de quen deixaba un oco difícil de substituír.

Pedriñas de azucre. Unha maneira distinta de enxergar a realidade de cada día, tan dramática a meirande parte das veces, porque a noticia case sempre se escribe en negativo, mais recreada por Casares coa intelixencia do humor, a tenrura, unha capacidade extraordinaria para entender o valor das pequenas cousas, ás veces anécdotas, outras veces estampas, retratos certos ou imaxinados, que ían construíndo un relato propio, una novela aberta na que participabamos todos.

Vinte anos despois o baleiro da páxina segue aí. Imposible substituílo. Cando me propoño evocar a memoria do amigo, con quen compartimos tantas horas, viaxes, proxectos, confidencias e algunhas discrepancias (que hoxe ben pouco significan), no momento de evocar o seu talento e a súa obra escollo a columna neste xornal. Podería reseñar a súa obra: exemplo de talento e de capacidade de comunicación, de eficacia literaria e riqueza imaxinativa; podería evocar a súa persoa, a súa contribución á industria da edición, as súas capacidades políticas, o seu espírito crítico, o seu talante democrático, a súa experiencia para recoñecer mundos diferentes e relacionarse con eles… Mais escollo a columna: esas pedriñas de azucre no café da primeira hora que, durante uns instantes, facían que o mundo fose un pouco máis levadeiro.

Ben que as botamos de menos.