Ruído de sotanas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Pool Moncloa / Fernando Calvo

15 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ruído con dúas acepcións. Unha no sentido do ruído de sables doutro tempo, porque a Igrexa está buscando valedores en todos os cuartos do poder imaxinados, con bandeiras ou sen elas, para seguir demorando o inevitable. A outra vén do frú-frú, a onomatopea do rozar das faldras —talares neste caso— que as vítimas de abusos sexuais en institucións católicas veñen lembrado ata agora no cárcere do seu maxín. O ruído está pasando a balbordo e moi axiña vaise converter nun boureo estrondoso. Acaba de comezar un ruído de sotanas que vai tardar en silenciarse.

A Igrexa española, como institución social e económica, ten que afrontar un asunto que ninguén pode afrontar por ela. Non vai poder ampararse en desculpas divinas nin demoníacas. Ata agora, con moito descaro e con moito amparo, foi librando de facelo exercendo a súa influencia política e social e a preeminencia moral que cría conservar na sociedade. Os abusos empezan a destaparse con toda crueza polas vítimas. Contáronos Gamoneda, Terenci Moix, Cebrián, Vargas Llosa, algúns xornalistas levan tempo recollendo casos e non pasou nada. O testemuño de Alejandro Palomas destapou de vez a caixa dos tronos e non vai ser pechada, como o raio que non cesa, ata que a Igrexa asuma a súa responsabilidade.

Os últimos episodios de elaboración apresurada de desculpas polos voceiros da Conferencia Episcopal sobre os casos de pederastia resultaron especialmente vergoñentos, como os malos estudantes ou os adolescentes irresponsables repartiron culpas, intentando situar a responsabilidade propia, a que só a eles lles compete, no terreo da sociedade, dos demais. Usaron argumentos (porcentaxes, comparacións, antigüidade) que tiveron eco en sectores sempre dispostos a amparalos. O asunto acaba de empezar a xogar no campo político directo arrastrando a algúns voceiros da dereita que non saben a que se enfrontan ou son máis inxenuos do que o seu posto facía pensar. A excepción destacada, a do voceiro do PP no Parlamento galego, impecablemente a carón das vítimas.

Á Igrexa española acabáronselle todas as escusas e o tempo de desconto que a sociedade, as institución democráticas e moi especialmente as vítimas foran concedéndolle. O escándalo que queren evitar será maior canto máis se resista. Tal é o que vén dicindo este papa Francisco, capaz por fin de asumir a responsabilidade da cúpula, despois de que hai trinta anos o asunto empezase a rodar de Boston a Irlanda. A Igrexa española ten demostrado contemporaneamente a incapacidade para estar a altura dos tempos, podemos falar do carlismo, por non falar da República. Pero tamén tivo ministros, Vidal i Barraquer, Herrera Oria, Quiroga Palacios ou o lembrado Tarancón capaces de dar o ton do tempo. A intervención do arcebispo compostelán vai nesa liña.

Se a Igrexa non fala e actúa, falará o Parlamento, xa van falar os medios, xa falan as vítimas e falará a xustiza. Inexorablemente. É a lei do presente.