A gran renuncia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

11 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei cando o lin por primeira vez, pero sigo o concepto desde que comezaron a falar del nos medios de comunicación norteamericanos. A idea da «gran dimisión» ou «gran renuncia» ven a designar un fenómeno laboral relacionado coa pandemia e a calidade de vida nos Estados Unidos. Dicían na NPR que máis de 33 millóns de traballadores norteamericanos deixaron voluntariamente o seu posto de traballo desde abril do 2021 até finais de ano. As razóns son variadas, desde xubilacións temperás até problemas de conciliación, traballos mal pagados ou un cambio de percepción no modo de vida de cada un. E eu, cada vez que saía unha nova sobre o tema, volvía ao concepto do que falaba a escritora nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie na súa novela Americanah, na que, a través da súa protagonista, comparaba a diferenza entre crecer nunha cultura na que es educado para «facer» e nunha cultura na que a educación se centra no «ser».

Moito teño matinado sobre este tema durante estes dous anos. Quizais porque tamén renunciei a unha parte de min, porque deixei de facer por facer, ou porque aínda non aprendín a vivir neste novo ritmo no que, aínda que seguen sen darme os días para o que me propoño, polo menos podo ir camiñar coa miña cadela, sentir o solpor, ou quedar durmida no sofá mentres falo coa Maruxa... Aínda non sabemos que significa esta «gran dimisión» nin que horizonte laboral nos espera despois da pandemia, pero, como me dixo onte a miña amiga Ceci (nunha frase que lle escoitou a unha coñecida): «Non corras máis có tempo»... Pois se algo aprendemos destes dous anos é que non serve de moito non parar de facer se aínda non aprendemos a simplemente ser.