Non é unha broma. Claro que non é unha broma. O contexto podía non ser o dunha declaración xurada ante un tribunal, vale, pero o comentario non é unha broma e non pode intentar enmascararse como tal. Trátase dun comportamento machista que incita á violencia, concretamente a unha violación en grupo a unha muller. Máis grave aínda cando quen alenta advirte da necesidade de medir a idade da vítima para mitigar as consecuencias. Violémola en grupo, como xa fixeron outros, pero que sexa maior de idade, que logo veñen os problemas.
Quen dixo isto é actualmente un adestrador de fútbol feminino. E claro, armouse unha gorda. Pero non se me alteren... que tan só era unha broma, de hai tempo... o club xa o perdoou, así que agora pide que o fagamos tamén todos os demais e non o crucifiquemos, pois xa pediu desculpas, era unha broma.
Non, non e non. Non é iso. Si unha incitación a cometer un delito sexual. Porque, asegura, crea equipo. Equipo de que? De bestas? De violadores? De dementes? Non creo que ningún dos aludidos se autodefina nin se identifique con calquera deses termos. Pero entón hai que ser valentes e consecuentes. Como isto non é unha broma, non podemos tratala como tal nin rir tampouco. Non ten graza ningunha. E se non, pregúntenlle ás xogadoras do equipo que adestra. Se eu fose unha delas, a desconfianza e o medo non me deixarían seguir practicando ese deporte. Seica o club o perdoou. Pero... e o xurado popular? Tampouco aquí ten nada que dicir? O clamor fala claro.