Aturuxos

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

El grupo Tanxugueiras actúa durante la final del Benidorm Fest
El grupo Tanxugueiras actúa durante la final del Benidorm Fest Manuel Lorenzo

06 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Facía moito tempo que non oía un aturuxo. Alegroume oílo porque me temo que é algo moi galego que se está perdendo. Algúns o confunden co irrintxi vasco ou o richido dos cántabros, pero o berro celta galego non ten a característica vibración da lingua que se dá tamén nos berros, chamados sagarits, das mulleres árabes. No aturuxo galego, a lingua non vibra e o son agudo sae do fondo da garganta, fai unha soa inflexión e remata con outro son aínda máis agudo. 

Se queren oílo aproveiten a actuación das Tanxugueiras que está gravada en YouTube. Mágoa que non se lle deu máis relevancia na posta en escena, porque o berro merece un lugar central no escenario e unha maior atención de todo o conxunto. E mágoa tamén que quen gravou o espectáculo non se decatase da súa importancia: enfocou á cantante cando o berro empezaba e desviou a cámara antes de que acabase; un pifiazo en toda regra, coma se abandonase antes de rematar a faena ao tenor que dá o do de peito en Il Trovatore.

O mellor aturuxo que eu oín na miña vida oínllo a Reimundo Patiño, cando eu estudaba Filoloxía Románica na Complutense e el plasmaba xa nos seus cadros o amor a Galicia e a dor e a rebeldía pola situación política. Estabamos en Madrid, pero era unha festa de galegos, e de súpeto Patiño arrincouse cun aturuxo que nos puxo a todos os pelos de punta, como debe facer un bo aturuxo. Aquel era digno de Breogán arengando aos seus guerreiros: un berro salvaxe cheo de paixón e forza. Xa non se oe nada así, pero o da tanxugueira tamén é bo.