A saúde dos fillos

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

MONICA IRAGO

05 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das maiores preocupacións dos pais é que os seus fillos teñan saúde: que medren sans e fortes, que non padezan doenzas e que se atopen ben tanto física como mentalmente. Pero as decisións educativas que toman para conseguir estes obxectivos non acostuman ser as adecuadas, ben por descoñecemento, ben por desidia, ao esquecer tres piares esenciais da saúde: alimentación, exercicio físico e descanso. O problema empeza moi cedo, cando o meniño tenta comer aquilo que lle produce pracer e rexeita sabores naturais ou menos satisfactorios, pero básicos para o seu adecuado crecemento. A frase habitual é «iso non me gusta», aínda sen telo probado, e os pais, co tan estendido desexo de darlle polo gusto aos fillos, ceden e vanlles permitindo que coman o que queiran, fomentando ademais un abuso das comidas precociñadas, das lambetadas ou das bebidas carbónicas. Adquírense entón uns hábitos que, unha vez consolidados, resulta moi difícil cambiar e que dan lugar a unha alimentación incompleta, carente de nutrientes esenciais e con excesiva abundancia doutros secundarios.

Aumenta tamén o número de nenos que apenas xogan nin fan exercicio físico, sobre todo na adolescencia, pois as novas tecnoloxías mantéñenos absortos, horas e horas, diante da pantalla. É moi preocupante que máis dun 80 % de adolescentes considere os videoxogos a súa actividade de ocio favorita. Cada día é máis estraño ver a grupos de rapaces xogando ao aire libre ou facendo deporte, con graves consecuencias non só para a saúde, senón tamén para o rendemento académico. Por riba, as novas tecnoloxías impídenlles en moitos casos un adecuado descanso nocturno, esencial nesta etapa da vida.

Como consecuencia desa dieta incorrecta e da falta de actividade física, estase a xeneralizar un estilo de vida sedentario, impropio das características psicofísicas destas idades. O desequilibrio entre inxestión e gasto calórico é cada vez maior e provoca un aumento de sobrepeso e mesmo de obesidade, así como unha diminución da condición física e empeoramento da saúde.

Polo tanto, se o que se desexa para os fillos é saúde non se pode permitir que coman o que queiran, que non fagan exercicio físico nin que utilicen os móbiles, ordenadores ou televisores sen ningún tipo de control. Os pais teñen que establecer límites e empregar a súa autoridade, que non só non é incompatible co cariño, senón que é necesaria para unha madurez normal do neno. Dada a situación actual, educar ben significa inevitablemente remar contra corrente.