O galego é hoxe universal, e mañá?

Camilo Nogueira AO FÍO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

05 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A lingua galega formouse hai máis de mil anos, nunha progresiva separación do latín. Desde o tronco común evoluciona o galego contemporáneo aquén do Miño e máis alá do Douro na variante de Portugal. O galego-portugués expandiuse en territorios de diversos continentes: Brasil, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau, Cabo Verde ou Santo Tomé e Príncipe, e tamén na India, no Timor Oriental e en Macau en China. Na Península deixou a súa pegada seguindo os trazos da Banda Galega, a liña defensiva fronteiriza que chegaba ata Aracena. Fálase así galego en poboacións de Zamora, Salamanca e Estremadura.

Queda a pegada tamén no esplendor medieval das Cantigas de Santa María en galego, do rei Afonso X O Sabio, xa gobernante desde o centro da Península aínda que cun pé na terra como testemuña que a súa muller, Violante de Aragón, mandou ser enterrada en Allariz.

Non obstante, o declive dos séculos escuros ten consecuencias demográficas, políticas e tamén lingüísticas. Galicia era aínda en 1900 o terceiro territorio de España con máis poboación, por enriba de Cataluña, Valencia ou Madrid. En 1833 o Goberno español eliminou a Xunta do Reino de Galiza, a única que permanecía na Península. A lingua vive un longo período de persecución e desaparición dos espazos de prestixio, aínda que se mantén viva nos falantes.