Tanxu, ide con Portugal!

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA Y VERÁS

OPINIÓN

Tanxugueiras en el Benidorm Fest
Tanxugueiras en el Benidorm Fest RTVE

30 ene 2022 . Actualizado a las 01:39 h.

Vai esta columna coa forza dun aturuxo, «ai, la, la, la, ai, la, la, la, la...». Como un berro bravo por esas tres rapazas, Aida, Sabela e Olalla, que puxeron a todo o público que viu o Benidorm Fest en pé. As Tanxugueiras, que como din elas «veñen pra quedar», demostraron o sábado á noite que a súa foliada é unha vibrante proposta con toda a afouteza da música que petisca no corazón. Cun retrouso estremecedor que non deixa indiferente a quen o escoita. De aí que a xente non se puidese conter cada vez que as Tanxu se subían ao escenario. Foron as máis votadas por un público fervoroso que se entregou á cantiga das galegas. As máis aplaudidas desde casa e todo un orgullo para Galicia. Pero non contentaron a un xurado que, inxustamente, afinou a súa puntuación sabendo, porque o sabían, que o tema de Tanxugueiras e o marabilloso de Rigoberta Bandini ían ser as cancións máis aclamadas. E así, nesa xogada estratéxica, que non deixa de ser un tongo pola consabida manipulación que fixeron a partir do ambiente de euforia que había fóra, esculpiron unha gañadora, Chanel, que só o é a ollos do xurado. Unha mágoa para España. Porque a xente estaba con Rigoberta e, sobre todo, coas Tanxugueiras. Pero coñecendo como é o xurado español, e coa chiscada que nos fixo Salvador Sobral na semifinal, neste aturuxo entre irmáns, Tanxu, non o dubidedes, ide a Eurovisión con Portugal! «Non hai fronteiras!». Ai-la-la-la, ai-la-la-la-la.