A nacer

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Ana Escobar | Efe

27 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un 27 de xaneiro é un día espléndido para nacer. Contoumo Bob Dylan esta mañá. Cantábame poemas ao oído, como tantas veces. Arrimeime a el: It's Alright, Ma (I'm Only Bleeding). Ano 1965. Dende aquela choveron trigos e pombas e, de paso, algún tigre que nos mordeu os ollos. Pero aquí estamos: mirando atrás para mirar cara adiante. Máis ca nunca. Nesa canción, precisamente nesa, Bob recordoume un dos principios fundamentais dos días: o que non está ocupado nacendo, está ocupado morrendo. Vai sendo hora de que escollamos a primeira parte do verso. A nacer. Poñámonos a nacer unha vez máis. Saquemos as forzas e as ganas e as ansias do baúl do noso corazón. Esquezamos as navallas traidoras de virus e outras pólvoras. Abracémonos á respiración. Alegrémonos de estar vivos. E poñamos dunha vez por todas a vida por riba da vida. Abonda. Stop. Non podemos soportar un minuto máis esta peste rematada en emia. Pan noso de cada día, maltratadora, inicua, criminal. Pandemia de uñas pintadas de metacrilato, fusil, espada. Abandónanos dunha vez. Marcha. E déixanos renacer este vintesete de xaneiro, Acuario, auga bendita no poema dos días perdidos. A vida é iso que pasa mentres contemplamos as cifras, números que son seres, e as autoridades informan de picos, e mesetas, e consellos para protexérmonos. As autoridades, curiosamente, non nos aconsellan sobre o modo de ser felices. Levamos dous anos sen vivir. Por tal motivo afirmo que vai sendo hora de dar un golpe na mesa e cantar. Como Dylan. Cantar que é tempo de nacer. A nacer, pois, cómplices de cada contraportada. Non demoremos nin un minuto máis o noso salvaxe impulso e poñámonos co asunto. A nacer, camaradas! A nacer!