Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

O moderno non existe, haino que crear

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAIXASES E PALABRAS

OPINIÓN

denís e. f.

15 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No decorrer dos tempos a modernidade foi arribando por ondadas, ás veces bruscas, como os movementos revolucionarios, outras máis progresivas como cambios epocais. Trouxo consigo liberdades e dereitos novos, acompasando a relación entre individuo e sociedade, e tamén a masiva explotación dos traballadores como na revolución industrial. A sociedade impulsou cambios que nin sequera estaban nas mentes dos gobernantes, e houbo que pasar por dúas cruentas guerras para que o estado do benestar se abrira paso en Europa. Os cambios non teñen marcha atrás e deixan o ronsel dunha contemporaneidade que as sucesivas xeracións van actualizando.

O moderno empeza por facer que rote o vento en contra para tornalo a favor. Non é a idea xenial dun momento, substitúe o pasado, cambia as regras do xogo e favorece un novo clima intelectual. O moderno como movemento artístico é a ideación e construción de formas que non existían e había que crear. Tal fixo o mestre Mateo ao concibir un nártex que sobordaba o estilo da súa época, e o Renacemento, máis innovador no pensamento ca nas formas; tal supuxo na historia da música Stravinski coa Consagración da Primavera e na arquitectura o Movemento Moderno.

Estou convencido de que neste remuíño dixital que nos arrastra e deixa pouco tempo para pensar e amistar precísase unha nova modernidade que compense o exceso de individualismo e o ensimesmamento diante das pantallas coa preocupación por fortalecer o comunitario e alimentar a creatividade, o pensamento e o humanismo. Creatividade que sempre ten que ser moderna para non caer na veneración do pasado; pensamento para tomar decisión intelixentes e serenas; humanismo para distribuír con equidade os beneficios da economía. A expresión da necesidade de dar un paso adiante xuntos na procura do benestar propio e común, e non tanto da utopía da felicidade, vén da man do anhelo dun porvir no que a dor e o goce do tránsito diario estean equilibrados.